O BNG leva ao Parlamento a polémica pola FP Básica do IES de Carral

ACoruñaXa
As deputadas Iria Taibo e Cristina Fernández Davila piden cancelar a aula móbil de Mantemento de Vehículos e abrir diálogo coa comunidade educativa
A deputada do BNG Iria Taibo no Parlamento
16 Jun 2026

O conflito pola implantación dunha FP Básica de Mantemento de Vehículos no IES de Carral suma un novo capítulo no Parlamento de Galicia. O BNG rexistrou varias iniciativas para pedir explicacións á Xunta e reclamar que se paralice a instalación dunha aula móbil vinculada a este novo ciclo formativo.

As deputadas nacionalistas Iria Taibo e Cristina Fernández Davila presentaron unha proposición non de lei e varias preguntas para resposta oral e escrita nas que cuestionan a decisión da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. O grupo pide coñecer o diagnóstico que fai o Goberno galego sobre a cobertura educativa en Carral, os motivos para escoller este ciclo concreto e como pensa resolver os problemas loxísticos e organizativos que podería xerar a súa posta en marcha.

Na proposición non de lei, o BNG insta á Xunta a cancelar a implantación da aula móbil de FP Básica de Mantemento de Vehículos no IES de Carral e a abrir un diálogo coa comunidade educativa antes de incorporar novos ciclos ao centro.

A formación sostén que a decisión foi adoptada de maneira unilateral e sen diálogo co instituto, coas familias nin co alumnado. Tamén advirte de que o centro carece de espazos e instalacións axeitadas para acoller esta formación e cuestiona que exista unha demanda real suficiente para implantar ese ciclo no municipio.

O BNG insiste en que a comunidade educativa non se opón ao aumento da oferta formativa no IES de Carral, pero reclama que calquera ampliación se faga de maneira planificada, coordinada coa dirección do centro e adaptada ás necesidades educativas e laborais do alumnado actual e futuro.

A polémica vén de días atrás, cando a implantación da nova FP Básica abriu un debate político e educativo no municipio. O malestar aumentou coa dimisión en bloque do equipo directivo do IES, as protestas das familias e a convocatoria dunha manifestación baixo o lema 'FP Básica si, pero non así'.

O caso tamén foi levado á Xunta por Alternativa dos Veciños, que pediu revisar a implantación do ciclo, mentres que o PSdeG solicitou explicacións no Parlamento pola falta de planificación, espazo e consenso.

0.12285399436951