Alternativa leva á Xunta o conflito pola FP do IES de Carral e pide frear a súa implantación

Alternativa dos Veciños de Carral remitiu un escrito á Consellería de Educación no que solicita a revisión urxente da implantación da FP Básica de Mantemento de Vehículos no IES de Carral para o curso 2026-2027. A formación asegura que non se opón á chegada de nova oferta formativa ao municipio, pero rexeita que se poña en marcha sen diálogo previo nin garantías suficientes.
No documento, asinado pola voceira Rocío Rabuñal Bouzas, Alternativa traslada á Xunta a súa 'profunda preocupación' pola decisión adoptada e advirte de que a comunidade educativa mantén importantes dúbidas sobre os espazos, os recursos materiais e humanos e a organización necesaria para desenvolver o ciclo con calidade.
Esta petición chega despois de que a implantación da nova FP xa provocase a dimisión en bloque do equipo directivo do IES de Carral, a convocatoria dunha folga do profesorado e unha marcha da comunidade educativa ata o Concello. O debate tamén chegou ao ámbito político tras a solicitude dun pleno extraordinario por parte de Alternativa e as explicacións ofrecidas polo goberno local, que defende que o ciclo se impartirá nun módulo independente situado nunha parcela municipal lindeira ao instituto.
No escrito remitido á Consellería, a formación solicita que non se proceda á implantación do ciclo mentres non se acrediten e garantan as condicións materiais, humanas, organizativas e pedagóxicas necesarias para o seu correcto desenvolvemento. Tamén reclama unha revisión exhaustiva da viabilidade da medida mediante os correspondentes informes técnicos, organizativos e educativos.
Ademais, pide que se informe á comunidade educativa dos criterios empregados para adoptar a decisión e das condicións previstas para a súa implantación, así como a apertura dun proceso de diálogo real co centro educativo, o profesorado, as familias e o resto dos sectores afectados antes de tomar unha decisión definitiva.
Alternativa considera especialmente significativa a dimisión do equipo directivo do instituto, que cualifica como un feito de 'extraordinaria gravidade' e que, ao seu xuízo, evidencia o profundo desacordo existente coa medida e a preocupación da comunidade educativa polas consecuencias que podería ter nas condicións actuais.
A formación lembra que o prazo de admisión para o próximo curso comezará o 15 de xuño e sostén que a Consellería aínda está a tempo de reconsiderar a decisión para evitar un conflito maior e garantir que calquera nova oferta educativa conte previamente cos recursos necesarios para asegurar un ensino de calidade.