As familias volverán protestar en Carral polo futuro educativo do instituto

As familias de Carral volverán mobilizarse este xoves, 25 de xuño, para reclamar explicacións sobre a implantación da FP Básica de Mantemento de Vehículos no IES do municipio. A concentración está convocada ás 19.30 horas diante do Concello, nun novo acto de protesta co que buscan manter vivo o debate sobre o futuro educativo da localidade.
O malestar céntrase na falta de información e planificación que denuncian parte das familias. O colectivo insiste en que a prioridade para Carral debe ser a ampliación do instituto e a chegada do Bacharelato, antes de poñer en marcha unha nova oferta de Formación Profesional sen un proceso previo de diálogo coa comunidade educativa.
A nova protesta chega despois de que a implantación do ciclo abrira un debate político e educativo no municipio. O Concello defende que a FP se impartirá nun módulo independente situado nunha parcela lindeira e que non restará espazo ao alumnado da ESO, mentres que as familias reclaman garantías claras sobre os recursos, os accesos, os servizos e a convivencia entre etapas educativas.
As persoas convocantes consideran que a educación non pode decidirse ‘a golpe de imposición’ e piden ás administracións implicadas que expliquen con detalle o proxecto. Reclaman saber como se organizará o novo ciclo, que impacto terá no funcionamento do centro e que planificación existe para responder ao crecemento educativo de Carral nos próximos anos.
Entre as demandas que volverán poñer sobre a mesa está a implantación del Bacharelato no municipio, unha reivindicación histórica para evitar que o alumnado teña que desprazarse a outros concellos ao rematar a ESO. As familias entenden que Carral precisa unha oferta educativa máis completa e consideran que a planificación debe atender primeiro ás necesidades xa existentes.
A mobilización deste xoves busca tamén responder ás declaracións do alcalde, José Luis Fernández Mouriño, que minimizou o alcance das protestas ao falar de ‘tres ou catro’ persoas. As familias aseguran que continuarán facendo ruído mentres non reciban información clara e mentres non se abra un proceso real de participación.