Carral sae á rúa contra a implantación da FP Básica no IES sen consenso previo

ACoruñaXa
A manifestación, convocada polo profesorado e a dirección do centro, partirá ás 19.30 horas do instituto e rematará diante do Concello
CARRAL folga ies carral fp basica
15 Jun 2026

Carral vivirá este luns unha nova mobilización contra a forma na que a Consellería de Educación pretende implantar un ciclo de FP Básica de Mantemento de Vehículos no IES de Carral de cara ao curso 2026-2027. A protesta está convocada polo profesorado e a dirección do centro baixo a mensaxe 'FP Básica si, pero non así', coa que a comunidade educativa quere deixar claro que non rexeita ampliar a oferta formativa, senón que reclama planificación, diálogo e garantías.

A manifestación está autorizada e partirá ás 19.30 horas desde o IES de Carral. O percorrido continuará pola N-550 e pola rúa Víctor Velasco ata rematar diante da Casa do Concello. Está prevista a participación de membros da comunidade educativa, familias, alumnado, profesorado e representantes políticos locais que veñen apoiando as demandas do centro.

O conflito estalou tras coñecerse a decisión da Xunta de incorporar esta nova FP Básica ao instituto. Segundo trasladou o centro, a medida chegou sen consenso suficiente e sen que se aclarasen cuestións clave como os espazos dispoñibles, os recursos materiais, o profesorado necesario ou a convivencia do novo alumnado coa actual organización do IES.

A tensión aumentou coa dimisión en bloque do equipo directivo, unha decisión que evidenciou o profundo malestar interno. O profesorado tamén ten convocada unha folga para o mércores 17 de xuño, co apoio da CIG-Ensino, para reclamar que a Consellería free a implantación nas condicións actuais e abra un proceso real de negociación.

Alternativa dos Veciños de Carral levou tamén o conflito á Xunta mediante un escrito no que solicita unha revisión urxente da implantación do ciclo. A formación insiste en que a chegada de nova oferta educativa pode ser positiva para o municipio, pero considera imprescindible garantir antes as condicións materiais, humanas, organizativas e pedagóxicas necesarias.

Pola súa banda, a Xunta defendeu a súa decisión e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, cualificou de 'inaudita' a polémica xerada arredor da nova FP Básica. A Consellería sostén que a ampliación da oferta formativa busca crear máis oportunidades para o alumnado, aínda que a comunidade educativa insiste en que o problema non é a FP, senón a maneira na que se pretende poñer en marcha.

0.12294483184814