Vilarmaior inicia esta semana as clases de aquagym na piscina municipal de O Tres

O Concello de Vilarmaior dará comezo este xoves 2 de xullo a unha nova edición das clases de aquagym na piscina municipal de O Tres, unha actividade estival dirixida a fomentar a práctica deportiva e os hábitos de vida saudables entre a veciñanza.
As sesións celebraranse todos os xoves e sábados durante os meses de xullo e agosto, en horario de 12.00 a 13.00 horas, ofrecendo unha alternativa para manterse en forma durante o verán nun entorno ao aire libre.
O aquagym combina exercicios físicos realizados na auga co acompañamento de música, adaptándose a persoas de diferentes idades e condición física. Entre os seus principais beneficios atópanse a mellora da circulación sanguínea, o fortalecemento da musculatura, a corrección postural, unha maior flexibilidade e a mellora da capacidade respiratoria.
Desde o Concello destacan que esta actividade permite practicar exercicio cun baixo impacto sobre as articulacións, favorecendo tanto a relaxación como a activación física. As persoas interesadas poden consultar as condicións de participación e as cotas a través dos canais municipais.