Unha nova cuberta transformará a pista de Xarío nun espazo deportivo e cultural para todo o ano

ACoruñaXa
Miño licita por preto de 346.000 euros a renovación do recinto de Perbes-Vilanova, que contará con novo pavimento, iluminación LED e melloras no drenaxe
MIÑO pista vilanova perbes
8 Sep 2026

A pista polideportiva de Xarío, en Perbes-Vilanova, afrontará nos próximos meses unha renovación integral que permitirá ampliar considerablemente as posibilidades de uso do recinto. O Concello de Miño acaba de sacar a licitación unhas obras cun orzamento de 345.809 euros, financiadas a través dun convenio coa Deputación da Coruña.

A principal novidade da actuación será a instalación dunha gran cuberta que permitirá utilizar a pista independentemente das condicións meteorolóxicas. Deste xeito, o recinto poderá acoller actividades deportivas e culturais tamén durante os días de choiva ou con condicións adversas.

As empresas interesadas en executar os traballos poderán presentar as súas ofertas ata o 24 de setembro ás 23.59 horas.

Unha cuberta de 46 metros de longo

O proxecto contempla a construción dunha estrutura metálica cun vano de 22,8 metros e unha lonxitude de 46 metros. A cuberta apoiarase sobre piares que alcanzarán os 6,55 metros de altura, creando un espazo amplo para a práctica deportiva e para a celebración doutras actividades.

Na parte superior instalaranse chapas de aceiro con tratamento de protección fronte á corrosión, deseñadas para garantir a resistencia da estrutura ante a exposición ás condicións ambientais.

Pero a actuación non se limitará á instalación do teito. O proxecto tamén contempla a renovación completa do pavimento da pista, coa colocación dun novo firme deportivo que mellorará tanto a seguridade como as condicións de uso do recinto.

A iluminación será outro dos elementos que se renovarán. Está prevista a colocación de 17 proxectores LED fixados á nova estrutura, o que permitirá mellorar a visibilidade no interior da pista e favorecer o seu uso en diferentes franxas horarias.

Tamén se renovará o sistema de drenaxe

As obras incluirán ademais actuacións para mellorar a evacuación da auga. Para iso instalaranse dous canalóns lonxitudinais de chapa de aceiro e renovarase o drenaxe perimetral existente ao redor da pista.

O obxectivo é que o recinto dispoña dun sistema máis eficaz para evitar a acumulación de auga e garantir unhas condicións axeitadas de uso.

A futura instalación terá ademais un carácter multidisciplinar. Ademais da actividade deportiva, a pista de Xarío é un espazo utilizado habitualmente para a celebración das festas, polo que a cuberta permitirá manter este tipo de eventos con maior independencia da meteoroloxía.

O recinto terá tamén unha nova función vinculada aos servizos municipais, xa que está previsto que poida utilizarse como patio cuberto da nova Escola Infantil Municipal.

Os terreos foron cedidos pola veciñanza

A actuación será posible tamén grazas á colaboración da Asociación de Veciños de Xarío, propietaria dos terreos nos que se atopa a pista e que os cedeu ao Concello de Miño para facer posible a súa rehabilitación.

A finais de agosto, o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitaron o recinto xunto con representantes da entidade veciñal para coñecer sobre o terreo o proxecto.

Con esta intervención, o Concello pretende recuperar e modernizar unha instalación que terá usos máis aló da práctica deportiva e que poderá converterse nun espazo de referencia para diferentes actividades da parroquia.

0.17605113983154