Un investimento de 346.000 euros permitirá renovar as pistas polideportivas de Vilanova-Perbes

ACoruñaXa
A actuación incorporará unha nova cuberta, melloras no pavimento e na iluminación e permitirá utilizar o recinto durante todo o ano
MIÑO dipu coru pista perbes
27 Aug 2026

A Deputación da Coruña achegará 345.809 euros para a renovación das pistas polideportivas de Vilanova-Perbes, na parroquia de San Xoán de Vilanova. As obras permitirán mellorar as instalacións e incorporar unha nova cuberta para garantir o seu uso con independencia das condicións meteorolóxicas.

A intervención permitirá manter a actividade no recinto ao longo de todo o ano e ampliar os seus usos, xa que ademais da práctica deportiva poderá acoller actividades culturais, sociais e de lecer.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, visitaron este xoves as instalacións xunto con representantes da Asociación de Veciños de Xarío, propietaria dos terreos das pistas, que foron cedidos ao Concello para facer posible a actuación.

Formoso destacou o papel da asociación para impulsar a mellora das instalacións e sinalou que a intervención suporá un cambio importante para un espazo construído nos anos 80. Pola súa banda, o alcalde agradeceu o apoio da Deputación e da asociación e destacou o carácter multidisciplinar que terá o recinto.

As pistas son utilizadas habitualmente para a celebración das festas da parroquia e, unha vez rematadas as obras, tamén poderán funcionar como patio cuberto da nova Escola Infantil Municipal.

Nova cuberta e melloras nas instalacións

O proxecto contempla unha estrutura metálica de 22,8 metros de ancho e 46 metros de lonxitude, sobre a que se colocará unha cuberta formada por chapas de aceiro con protección anticorrosión.

Tamén se rehabilitará o pavimento das pistas para mellorar a comodidade e a seguridade das persoas usuarias, tanto durante a práctica deportiva como no desenvolvemento doutras actividades.

A intervención incluirá igualmente a renovación do sistema de drenaxe e da iluminación, coa instalación de 17 proxectores LED. O prazo estimado para executar os traballos será de seis meses desde o inicio das obras.

0.16778802871704