Unha nova cuberta permitirá usar todo o ano a pista deportiva de Vilanova-Perbes

O Concello de Miño aprobou o proxecto para cubrir a pista polideportiva de Vilanova-Perbes, unha actuación que permitirá mellorar as instalacións e favorecer o seu uso durante todo o ano, con independencia das condicións meteorolóxicas.
A intervención conta cun orzamento de 345.809,55 euros, financiado pola Deputación da Coruña, e responde a unha demanda veciñal para modernizar este espazo deportivo e dotalo de máis comodidade e funcionalidade.
O proxecto prevé a instalación dunha estrutura metálica formada por pórticos de aceiro que cubrirá a totalidade da pista, cunhas dimensións aproximadas de 46 por 21,5 metros. Sobre ela colocarase unha cuberta curva, cunha altura de 6,55 metros nos piares. O deseño da obra tamén terá en conta a presenza do palco existente nun dos laterais do recinto, que se manterá integrado na actuación.
A mellora non se limitará á cubrición da pista. O Concello tamén renovará o pavimento actual, de formigón poroso, e aplicará un novo revestimento con resinas acrílicas en cor verde, apto para a práctica de tenis e doutros deportes.
Ademais, substituirase por completo o sistema de iluminación coa instalación de 17 novos proxectores LED, o que permitirá mellorar a visibilidade e a eficiencia enerxética do recinto. A actuación completarase coa execución dunha nova rede de drenaxe para favorecer a evacuación da auga e mellorar o estado da pista.
Coa aprobación do proxecto, Miño dá un paso máis para renovar un equipamento de uso veciñal e deportivo no núcleo de Vilanova-Perbes, ampliando as posibilidades de actividade durante todo o ano.