Un pleno urxente decidirá a postura municipal sobre a FP Básica no IES de Carral

O futuro da Formación Profesional Básica no IES de Carral chegará ao pleno municipal. A Corporación celebrará o xoves 25 de xuño, ás 20.00 horas, unha sesión extraordinaria e urxente solicitada por Alternativa dos Veciños para abordar a posible implantación dun Ciclo Formativo de Grao Básico en Mantemento de Vehículos no centro educativo de cara ao curso 2026/2027.
A sesión terá un único punto na orde do día: debater sobre a implantación, información, programación e organización deste ciclo, ou doutro que poida formularse, así como fixar o posicionamento institucional do Concello respecto á medida.
A solicitude presentada pola formación sinala que a oferta de FP para o curso 2026/2027 publicada pola Consellería de Educación inclúe no IES de Carral un ciclo de Grao Básico en Mantemento de Vehículos, cunha previsión inicial de 18 prazas. Alternativa sostén que a cuestión ten unha especial transcendencia para o futuro educativo do municipio, para a comunidade do instituto e para a planificación formativa do propio centro.
O grupo municipal tamén recolle no escrito a preocupación trasladada por familias e pola dirección do IES ante a falta de información, planificación e transparencia sobre o proceso. Por iso, reclama que o asunto sexa tratado publicamente no pleno, permitindo escoitar as distintas posicións e adoptar os acordos que se consideren necesarios.
A convocatoria xa foi asinada pola Alcaldía e fixa a sesión no salón de plenos da Casa Consistorial. Os edís asinantes tamén solicitaron que o pleno se celebrase preferentemente a partir das 20.00 horas para facilitar a asistencia da veciñanza e da comunidade educativa.