A comunidade educativa de Carral mantén o pulso contra a FP Básica 'imposta' pola Xunta

ACoruñaXa
Familias, alumnado e profesorado marcharon desde o instituto ata o Concello baixo o lema 'FP si, pero non así' e anuncian unha cacerolada este martes
CARRAL nova folga vp
16 Jun 2026

A comunidade educativa de Carral volveu saír á rúa para protestar contra a implantación da FP Básica de Mantemento de Vehículos no IES do municipio. Familias, alumnado, profesorado e veciñanza marcharon desde o instituto ata a Casa do Concello baixo o lema 'FP si, pero non así', unha consigna coa que queren deixar claro que non rexeitan ampliar a oferta educativa, senón a forma na que se pretende poñer en marcha.

Durante a mobilización, os participantes denunciaron a falta de planificación, información e diálogo por parte da Consellería de Educación e tamén dirixiron críticas ao Concello pola xestión do proceso. Entre as pancartas podían lerse mensaxes como 'Máis espazo real, menos aula provisional' ou 'Educación de calidade contando coa comunidade'.

Á chegada ao Concello, unha nai dunha alumna de primeiro da ESO leu un manifesto no que as familias insistiron en que defenden a ampliación de opcións formativas no municipio, pero non 'de calquera maneira'. Segundo explicaron, o centro recibiu a proposta da nova FP con moi pouca marxe para valorala, unha situación que acabou derivando na dimisión do equipo directivo.

Un dos puntos que máis preocupación xera é a previsión de instalar unha aula móbil nunha finca próxima ao instituto. A comunidade educativa cuestiona que esta sexa a mellor solución e reclama investimentos reais en espazos, recursos e planificación. Tamén expresan dúbidas sobre a organización da convivencia entre o novo alumnado da FP e o resto de estudantes do centro.

As protestas continuarán este martes cunha cacerolada ás 14.15 horas diante do IES. Ademais, o claustro ten convocada unha xornada de folga para este mércores, co apoio da CIG, que tamén criticou a actuación da Consellería.

A polémica medrou nos últimos días coa dimisión en bloque da dirección do centro, as concentracións das familias e a entrada do conflito no debate político. Representantes da oposición municipal acudiron á manifestación, entre eles membros de Alternativa dos Veciños e do BNG. A deputada nacionalista Iria Taibo tamén participou na marcha xunto ao portavoz local, Ángel Amancio Sotillo, despois de que o Bloque rexistrase iniciativas no Parlamento galego para pedir explicacións á Xunta.

0.12255501747131