Un novo cartel en Mera e Lorbé eleva a presión de Oleiros á Xunta polas beirarrúas

ACoruñaXa
O Concello denuncia a falta de itinerarios seguros na rúa Doutor Fleming e lembra que xa tivo que executar con fondos propios outras melloras peonís en estradas autonómicas
OLEIROS cartel mera
26 Jun 2026

O Concello de Oleiros colocou un novo cartel informativo na rúa Doutor Fleming, a estrada autonómica que comunica a Igrexa de Serantes con Lorbé, para denunciar a falta de beirarrúas e de condicións seguras para a mobilidade peonil entre Mera e Lorbé.

O Goberno local asegura que leva anos reclamando á Xunta de Galicia actuacións nesta vía, tanto por escrito como en diferentes reunións, sen que ata o momento se producise unha resposta efectiva. A estrada é de titularidade autonómica e, segundo o Concello, continúa sen contar cun itinerario peonil seguro para a veciñanza.

Esta nova acción forma parte da campaña iniciada nas últimas semanas polo Concello para visibilizar o estado das principais estradas autonómicas que atravesan Oleiros. Antes deste punto, o Goberno municipal xa colocara carteis noutras vías, como a avenida Isaac Díaz Pardo e a avenida República Uruguai, onde tamén reclama beirarrúas continuas, carrís bici e melloras de seguridade.

O Executivo oleirense sostén que boa parte das beirarrúas e andéns existentes neste tipo de vías foron construídos directamente polo Concello ante a falta de intervención da Xunta. Desde a administración local consideran que esta situación afecta á seguridade de peóns, ciclistas e condutores, especialmente en estradas que funcionan como eixos principais de comunicación dentro do municipio.

O Concello acusa o Goberno autonómico de manter unha política de investimentos 'partidista' e denuncia que a ausencia de actuacións non prexudica ao Executivo municipal, senón á cidadanía. Segundo defende, a falta de beirarrúas en tramos como o de Serantes a Lorbé supón un risco diario para milleiros de persoas que empregan estas vías.

0.12021899223328