Grandes carteis denunciarán o abandono das estradas autonómicas en Oleiros

ACoruñaXa
O Concello inicia unha campaña pública para reclamar á Xunta beirarrúas, carrís bici e máis seguridade nas vías da súa titularidade
OLEIROS cartel xunta
19 May 2026

O Concello de Oleiros iniciou este martes, 19 de maio, unha campaña de denuncia pública contra a situación das estradas autonómicas que atravesan o municipio. A primeira acción visible foi a colocación dun cartel de grandes dimensións na avenida Isaac Díaz Pardo, a vía que conecta Coruxo e Os Regos, onde o Goberno local reclama actuacións urxentes por parte da Xunta.

Segundo o Concello, esta avenida precisa a construción de beirarrúas continuas e accesibles para garantir a seguridade dos peóns. O Executivo municipal sostén que os arcéns existentes foron creados con fondos municipais e que a única intervención realizada pola Xunta se limitou ao tapado das cunetas nun tramo concreto.

A campaña continuará nos vindeiros días coa instalación de novos carteis noutros puntos de estradas de titularidade autonómica. O Goberno local denuncia que varias das principais vías de Oleiros seguen sen contar con beirarrúas nin carril bici, malia soportar unha importante circulación diaria de vehículos e peóns.

O Concello asegura que, ante a falta de actuacións da Administración autonómica, foi asumindo directamente a construción de beirarrúas e andéns en diferentes zonas do municipio. A súa finalidade, segundo indica, foi mellorar a mobilidade peonil e ciclista e reducir os riscos nas estradas principais.

O Executivo oleirense acusa á Xunta de discriminar o municipio e de aplicar unha política de investimentos condicionada pola cor política dos gobernos locais. Desde o Concello advirten de que esta situación non prexudica só á administración municipal, senón que afecta directamente á seguridade e aos dereitos da veciñanza.

0.14276218414307