Un investimento de máis de sete millóns permitirá abrir e renaturalizar o río Maior de Sada

ACoruñaXa
O Concello de Sada e Augas de Galicia formalizan o convenio para reducir o risco de inundacións e transformar o centro urbano con novos espazos verdes e de lecer
SADA convenio xunta rio maior
19 Nov 2026

O Concello de Sada e Augas de Galicia formalizaron este mércores o convenio de colaboración para executar as obras de mellora estrutural do río Maior, un proxecto que mobilizará 7.032.969,65 euros e que busca reducir o risco de inundacións no núcleo urbano e recuperar o espazo fluvial. O investimento será asumido ao 50% por ambas as administracións, cunha achega de máis de 3,5 millóns de euros cada unha.

A sinatura do acordo tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Sada e contou coa participación do conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, e do alcalde, Benito Portela.

A intervención permitirá mellorar a capacidade de drenaxe da desembocadura do río Maior e reducir o risco de desbordamentos. Para iso, o proxecto contempla abrir os tramos actualmente canalizados, eliminar a cobertura existente no treito final e crear canles de alivio nas marxes, co obxectivo de recuperar o curso fluvial e mellorar o seu comportamento hidráulico.

O río Maior volverá integrarse no centro urbano

A actuación irá máis alá da mellora hidráulica e ambiental. O proxecto inclúe unha reordenación da mobilidade rodada e peonil, coa incorporación de novos carrís de acceso e calzadas compartidas, así como a creación de zonas axardinadas, espazos verdes e áreas de lecer.

Tamén se renovarán infraestruturas existentes e melloraranse diferentes servizos e espazos públicos situados dentro do ámbito da intervención.

O alcalde, Benito Portela, destacou a importancia do proxecto para a vila e o traballo desenvolvido durante anos entre ambas as administracións para poder materializalo. Segundo sinalou, a recuperación do río permitirá devolverlle espazo á natureza e ofrecer maior seguridade á veciñanza fronte ás inundacións, ademais de transformar o centro urbano e mellorar a calidade de vida.

Portela considerou que se trata dunha actuación de futuro para Sada e destacou o compromiso do Concello e da Xunta para avanzar nun proxecto que sitúa a localidade á vangarda deste tipo de intervencións.

Augas de Galicia executará as obras

Segundo establece o convenio, Augas de Galicia será a encargada de contratar, executar e dirixir os traballos. O Concello de Sada, pola súa banda, deberá poñer á disposición os terreos necesarios, tramitar os permisos e autorizacións correspondentes e asumir posteriormente a conservación e o mantemento da actuación.

Para completar o desenvolvemento do proxecto tamén será necesario avanzar nos trámites relativos ás estradas provinciais DP-0812 e DP-0813, cuxa cesión ao Concello foi abordada coa Deputación da Coruña en diferentes reunións ao longo dos últimos anos.

A transferencia destas vías permitirá ao Goberno local avanzar nas actuacións que lle corresponden e completar as condicións necesarias para executar a intervención. O Concello confía en que este proceso poida culminar canto antes para que o traballo realizado ata agora se traduza no inicio efectivo dunha obra considerada fundamental para o futuro de Sada.

0.18202209472656