O río Maior cambiará a súa cara en Sada cunha obra de máis de 7 millóns para reducir as inundacións

O río Maior dará un paso cara á súa recuperación ambiental e á mellora da protección fronte ás inundacións cunha actuación que mobilizará 7.032.969,65 euros. O Pleno do Concello de Sada aprobou o convenio de colaboración con Augas de Galicia para executar as obras destinadas a mellorar a capacidade de drenaxe da desembocadura e reducir o risco de asolagamentos no núcleo urbano.
A intervención supón a evolución dun proxecto no que as administracións levan varios anos traballando. Xa en 2020 a Xunta e o Concello acordaran impulsar actuacións no tramo final do río e, posteriormente, Augas de Galicia estudou diferentes alternativas para resolver os problemas hidráulicos da zona. En 2022, o Pleno de Sada aprobou a opción que contempla a recuperación da canle fluvial e a eliminación da cobertura do tramo final para deixar o río a ceo aberto.
A solución agora prevista pasa por abrir diferentes tramos que na actualidade se atopan canalizados e crear canles de alivio nas marxes. Con estas medidas preténdese aumentar a capacidade de desaugue do río e reducir a afección que os episodios de choiva intensa poden provocar no centro urbano.
Pero a actuación irá máis alá da propia canle. O proxecto contempla unha reordenación dos espazos destinados ao tráfico rodado e peonil, xunto coa renovación de determinadas infraestruturas e servizos públicos. O obxectivo é integrar o río na trama urbana mediante novas zonas verdes, espazos axardinados e áreas destinadas ao lecer.
A zona do río Maior está identificada como área de risco potencial significativo de inundación (ARPSI). Precisamente, o proxecto de Augas de Galicia foi formulado para actuar sobre o tramo urbano e a desembocadura, unha área na que xa se viñan estudando solucións para mellorar o funcionamento hidráulico do río.
O convenio establece que Augas de Galicia e o Concello de Sada asumirán cada administración o 50 % do custo da actuación. A achega municipal ascenderá a 3.516.484,82 euros e distribuirase entre os exercicios 2027 e 2030. Pola súa banda, a actuación contará cunha cofinanciación do 60 % a través dos fondos FEDER da Unión Europea, dentro das políticas de adaptación ao cambio climático e prevención de riscos.
Augas de Galicia será a administración encargada de contratar e dirixir os traballos, así como da súa recepción unha vez rematados. O Concello deberá poñer á disposición os terreos necesarios e tramitar os permisos correspondentes. Unha vez finalizadas as obras, asumirá a conservación e o mantemento dos elementos que lle correspondan.
A actuación permitirá así combinar dous obxectivos que levan anos ligados ao futuro do río Maior: reducir o risco de inundacións e recuperar a presenza do río no centro de Sada. O proxecto busca que a transformación hidráulica vaia acompañada dunha mellora do espazo urbano e da relación da veciñanza co propio río.