A voz dos alcaldes: 'A política local ten que servir para resolver problemas concretos e para facer que as persoas vivan mellor'

O alcalde de Sada, Benito Portela, repasa nesta entrevista a súa traxectoria política, desde os seus primeiros contactos coa política durante a mocidade ata a creación de Sadamaioría e a súa chegada á Alcaldía, que asumiu en tres ocasións consecutivas. Durante a conversa, aborda os sacrificios e as satisfaccións que implica estar á fronte do Goberno municipal, así como os principais desafíos que ten por diante o municipio. Entre as prioridades sitúa o acceso á vivenda, a redución do risco de inundacións, a mellora do abastecemento de auga e a culminación da solución da depuración. Tamén destaca a aprobación do PXOM como unha das actuacións máis importantes para ordenar o crecemento e planificar o futuro de Sada.
Como se iniciou na política e como se vinculou ao seu partido?
O meu interese pola política naceu sendo moi novo, durante os anos do instituto. Lembro especialmente o impacto que me causou a primeira Guerra do Golfo e como aquel contexto internacional me levou a interesarme polo debate político e social. Vinculeime a Esquerda Galega en 1991. Impliqueime máis abertamente en política co goberno do BNG en Sada e, moitos anos despois, participei na creación de Sadamaioría, unha formación municipalista que se constituíu en febreiro de 2015 para defender un proxecto centrado exclusivamente nos intereses de Sada.
Como deu o salto e recibiu o impulso para ser alcalde?
O paso foi consecuencia dun traballo colectivo. Participei desde o inicio na construción de Sadamaioría e, cando chegou o momento, presenteime ás eleccións primarias da formación. Obtiven o apoio da militancia para encabezar a candidatura e, posteriormente, a confianza da veciñanza de Sada para asumir a Alcaldía en tres ocasións consecutivas.
A nivel persoal, que sacrificios supón formar parte do Goberno?
Son moitos. O principal é o tempo que deixas de dedicar á familia, aos amigos ou ás túas propias afeccións. Ser alcalde significa estar practicamente dispoñible as vinte e catro horas do día. As preocupacións non rematan ao saír do despacho e moitas veces levas os problemas da veciñanza contigo tamén á casa.
E beneficios?
A satisfacción de poder contribuír a mellorar a vida das persoas. Cando ves que un proxecto sae adiante, que se resolve unha demanda histórica ou que unha actuación beneficia ao conxunto da veciñanza, sentes que o esforzo paga a pena.
Como equilibra a vida pública e a privada?
Non é sinxelo, especialmente nunha vila de tamaño mediano como Sada, onde o alcalde é unha figura moi próxima e accesible. Forma parte da nosa maneira de entender a política municipal, pero tamén require establecer determinados espazos para a familia e para un mesmo. É un equilibrio complicado e que nunca se consegue de maneira perfecta.
Cales son os seus obxectivos a nivel político?
O meu principal obxectivo é seguir mellorando o benestar da veciñanza, reforzar a calidade de vida na vila e consolidar uns servizos públicos de calidade. Creo que a política local ten que servir para resolver problemas concretos e para facer que as persoas vivan mellor.
E se renova na Alcaldía, cales son as principais actuacións previstas?
Neste momento estou centrado en gobernar e en cumprir os compromisos adquiridos para este mandato. Queda aínda moito traballo por facer e moitos proxectos importantes en marcha. Co comezo do próximo ano abriremos o debate sobre a candidatura de cara ás eleccións de 2027, pero agora a prioridade é seguir gobernando.
Cales son as principais liñas do seu programa?
Benestar social, calidade de vida, defensa dos servizos públicos e desenvolvemento sostible. Son os eixos que marcaron a nosa acción de goberno e que continúan sendo a nosa referencia.
Cales considera que son as principais necesidades no seu concello?
Agora mesmo unha das cuestións máis importantes é a vivenda. O incremento da poboación e a presión sobre o mercado inmobiliario fan necesario impulsar medidas que faciliten o acceso á mesma. Tamén é prioritario reducir o risco de inundacións mediante actuacións como as previstas no río Maior, mellorar o abastecemento e a garantía de subministración de auga e completar definitivamente a solución da depuración. Ademais, o crecemento demográfico require ampliar e reforzar equipamentos e servizos públicos en distintos ámbitos.
De que proxectos se sente máis orgulloso?
Probablemente un dos máis importantes sexa a aprobación do PXOM. Conseguir sacar adiante un Plan Xeral nunha corporación tan fragmentada non foi nada sinxelo. Hoxe Sada forma parte dun reducido grupo de concellos da área da Coruña que contan cun planeamento actualizado xunto coa Coruña e Oleiros. É unha ferramenta fundamental para ordenar o crecemento do municipio e planificar o seu futuro.
Que lle gustaría que os veciños visen en vostede como alcalde?
Gustaríame que visen unha persoa próxima, honesta e comprometida coa defensa dos intereses de Sada. Alguén que escoita, que intenta dialogar e que traballa con responsabilidade para mellorar o municipio.
Como é a súa relación coa oposición?
Hai cinco grupos na oposición e sería difícil facer unha valoración homoxénea. É evidente que existe mellor sintonía con uns que con outros. En democracia é normal que existan discrepancias, pero tamén creo que hai diferentes formas de facer oposición. Sempre procurei manter o diálogo aberto e buscar acordos cando son beneficiosos para Sada.
EN CLAVE PERSOAL
- Idade, estado civil e familiar
51 anos. Casado e pai de dous fillos. - Profesión e formación
Enxeñeiro Técnico Agrícola. - E se non foras Enxeñeiro, que che gustaría ser?
Calquera profesión relacionada coa natureza, a bioloxía ou o medio ambiente. Son ámbitos que sempre me apaixonaron e nos que me sentiría plenamente realizado. - Que querías ser de maior?
Algo vinculado ao mundo rural. Gandeiro, probablemente. Aínda que, como case todos os nenos, tamén tiven a miña etapa na que quería ser futbolista. - Que fas para desconectar?
Nos últimos anos retomei a práctica deportiva, algo que tiña abandonado. Tamén me gusta dedicar tempo aos traballos agrícolas. Durante moito tempo, mesmo nos momentos de lecer, seguía atento á actualidade municipal e buscando información para estar ao día. - Unha virtude e un defecto
Virtude: ser conciliador e dialogante.
Defecto: ás veces intento abarcar máis do que realmente podo asumir, o que me leva a ser algo desorganizado. - Un consello para compartir
Reflexionar sempre sobre para que e por que facemos e producimos as cousas. É unha idea que me parece especialmente relevante nestes tempos e que coincide cunha das recentes reflexións realizadas polo papa León XIV. - Un libro
'O atraso económico de Galicia', de Xosé Manuel Beiras. - Unha película
'In the Name of the Father'. - Un grupo de música/cantante
Héroes del Silencio. - Unha afección
O deporte en xeral. - Un lugar que visitar
San Mamede, en Sada. - Unha comida e unha bebida
Pizza caseira e viño branco. - Unha personaxe admirada
Resulta difícil escoller unha soa. Admiro persoas de ámbitos moi distintos: do deporte, da cultura, da política ou da ciencia. Tamén a moitos veciños e veciñas da nosa vila que loitaron pola democracia e contra o franquismo. - Unha posesión preciada
A miña familia. - Un desexo
Que sexamos capaces de frear a evolución do cambio climático e deixar ás próximas xeracións un planeta mellor. - Algo para esquecer
As guerras, as matanzas e os xenocidios que seguen producíndose no mundo. - Que é o que máis valora nunha persoa?
A empatía, a capacidade de poñerse no lugar dos demais. - Un desafío pendente
Hai moitos, tanto no ámbito persoal como no profesional. O importante é non deixar nunca de ter retos por diante. - Onde te ves en cinco anos?
Vivindo dunha forma tranquila, producindo alimentos de proximidade de maneira sostible e mantendo unha forte vinculación coa natureza.