Sumar presenta alegacións ao Parque do Agra e pide revisar a edificabilidade antes da aprobación definitiva

A ordenación do futuro Parque do Agra volve ao centro do debate político e urbanístico da Coruña. Movemento Sumar Coruña presentou alegacións á modificación puntual número 27 do PXOM e reclama ao Concello que revise a proposta antes da súa aprobación definitiva, especialmente no relativo á edificabilidade e ás alternativas existentes para configurar o futuro espazo público.
O expediente, aprobado inicialmente polo Pleno o pasado mes de maio, tramítase para executar a sentenza 620/2015 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e afecta ao polígono M22, no ámbito do Parque do Agra. O documento municipal establece a nova ordenación do ámbito e foi sometido a información pública para a presentación de alegacións.
Sumar considera, porén, que o cumprimento da sentenza non obriga a asumir unha única ordenación urbanística. A formación sostén que a resolución xudicial determina cuestións relacionadas coa clasificación do solo, pero non fixa a volumetría, as alturas, a disposición dos edificios nin a configuración final do parque, decisións que corresponden ao planeamento municipal e que, ao seu xuízo, deben estar xustificadas polo interese xeral.
'Unha sentenza resolve un conflito xurídico, pero non decide como debe ser o Parque do Agra. Esa responsabilidade segue sendo do Concello e debe exercerse pensando primeiro nas necesidades do barrio', afirma a voceira de Movemento Sumar Coruña, Trinidad Palacios.
A formación reclama que o futuro parque sexa concibido como unha infraestrutura urbana esencial, especialmente nun barrio cunha elevada densidade de poboación e cunha histórica demanda de máis zonas verdes. Entre as características que defende están a continuidade do espazo, a accesibilidade, o arborado, as zonas de sombra e áreas destinadas á infancia, ás persoas maiores, á convivencia e aos coidados.
A proposta chega despois de meses de debate arredor do modelo urbanístico do ámbito. O Concello e o BNG alcanzaron en maio un acordo para reducir a edificabilidade prevista inicialmente, eliminar un edificio e reducir outro, deixando unha proposta que contempla 85 vivendas protexidas e 350 prazas de aparcadoiro.
Precisamente, Sumar xa cuestionara ese acordo tras a súa aprobación inicial, reclamando máis espazo público, máis zonas verdes e unha maior ambición en materia de vivenda pública.
O debate tamén conta cunha forte contestación veciñal. A Asociación Veciñal Agra do Orzán iniciou en xullo unha recollida de sinaturas para presentar unha alegación colectiva contra a modificación do PXOM e reclamou que o futuro parque estea libre de edificacións.
Agora, nas súas novas alegacións, Movemento Sumar pide tamén estudar as diferentes alternativas existentes, facer explícito o equilibrio entre os aproveitamentos privados e os beneficios públicos e garantir que a participación veciñal poida influír realmente na ordenación definitiva.
'Primeiro hai que preguntarse que parque necesita a Agra e, a partir de aí, determinar que ordenación é compatible con esa necesidade. Non ao revés', sinala Palacios.
A formación tamén recupera a súa posición crítica respecto do acordo alcanzado en maio entre o Goberno local e o BNG e cuestiona que quen daquela avalou a proposta poida agora poñer en cuestión o modelo. 'Celebramos que outros cuestionen agora este modelo, pero quen en maio o avalou e presumiu de ter conseguido un parque de verdade terá que explicar por que tres meses despois xa non lle serve', critica Palacios en referencia a Avia Veira.
Para Sumar, o Parque do Agra representa unha oportunidade para resolver unha débeda histórica cun dos barrios máis densos da cidade. Por iso, reclama que antes de pechar definitivamente o planeamento se analicen todas as posibilidades para maximizar o espazo público e o retorno colectivo da actuación.