Sumar carga contra o acordo que desbloquea a operación urbanística do Parque do Agra

Movemento Sumar Coruña cuestiona o acordo entre o Goberno local de Inés Rey e o BNG de Avia Veira para sacar adiante a modificación urbanística do Parque do Agra. A formación considera que a decisión supón 'un novo exemplo dun urbanismo pensado de costas á veciñanza' e advirte de que o barrio precisa máis espazo público, máis zonas verdes e unha política de vivenda municipal máis ambiciosa.
A crítica chega despois da aprobación inicial da modificación puntual do Plan xeral no ámbito do polígono M-22, unha actuación coa que o Concello prevé reordenar esta bolsa de solo na Agra do Orzán. O proxecto municipal reserva a maior parte da superficie para usos públicos e incorpora vivenda protexida e aparcamento, segundo a planificación defendida polo Goberno local.
Desde Movemento Sumar Coruña, con todo, consideran que o acordo non responde ás necesidades reais dun dos barrios con maior densidade urbana da cidade. A súa coordinadora, Trindad Palacios, acusa a Inés Rey de manter, despois de oito anos de goberno, un modelo baseado en grandes operacións urbanísticas mentres seguen sen aparecer políticas decididas de vivenda pública e vivenda municipal.
Palacios tamén dirixe as súas críticas ao BNG. Segundo sinala, 'agora resulta que para o BNG os grandes edificios xa son aceptables, que as alturas deixaron de ser un problema e que todo aquilo que antes denunciaban desaparece simplemente porque toca manter un acordo político'.
A formación pregúntase 'onde está a vivenda pública, onde está a aposta real pola vivenda municipal e onde queda a defensa do barrio máis denso da cidade' mentres se avalan actuacións urbanísticas desta dimensión. Para Sumar, o Parque do Agra debía servir para corrixir o déficit histórico de espazos libres na zona e non para abrir a porta a máis construción.
O Concello defende que a modificación permitirá avanzar na creación dun novo parque, incorporar vivenda protexida e habilitar un aparcamento soterrado nun barrio con forte demanda de estacionamento. A previsión municipal incluía 85 vivendas protexidas e unha importante superficie verde dentro do ámbito reordenado.
Movemento Sumar Coruña insiste, porén, en que o acordo entre PSOE e BNG consolida un modelo 'esgotado' de cidade. 'Inés Rey representa un modelo esgotado de cidade e Avia Veira acabou asumindo exactamente aquilo que dicía combater. O Agra necesitaba máis espazo público, máis zonas verdes e máis valentía política para defender o interese veciñal', sostén Palacios.