O BNG supedita o apoio final ao Parque da Agra a un plan de melloras para o barrio

O grupo municipal do BNG apoiou este xoves no pleno ordinario de maio a aprobación inicial da modificación puntual do PXOM no ámbito do polígono Parque da Agra, aínda que advertiu de que o seu voto definitivo dependerá da aprobación dun plan de melloras para o barrio.
A concelleira nacionalista Avia Veira explicou que o trámite urbanístico aínda ten un percorrido longo e deberá volver ao pleno en dúas ocasións, primeiro para a aprobación provisional e despois para a definitiva. Será nesa última fase cando o BNG fixe a súa posición final en función dos compromisos que asuma o goberno local.
A formación reclama que ese plan inclúa, como mínimo, cinco actuacións. A primeira pasa por impulsar un plan director para a Agra que permita mellorar a imaxe urbana do barrio, incrementar a presenza de verde e avanzar na accesibilidade e habitabilidade dos edificios. O Bloque tamén pide reforzar a limpeza viaria nos novos pregos do servizo, garantir mellores conexións de autobús, ofrecer á veciñanza as prazas do aparcadoiro proxectado e habilitar baixos comerciais baleiros como espazos de convivencia para persoas maiores, mocidade e infancia.
Durante o debate plenario, o portavoz do goberno local, José Manuel Lage, mostrou a disposición do executivo a negociar co BNG os contidos dese plan de melloras. Para os nacionalistas, ese compromiso será clave antes de dar o seu apoio á aprobación definitiva da modificación urbanística.
Veira lembrou que o expediente vén condicionado por unha sentenza favorable ao propietario do soar das Adoratrices, que conseguiu que esa parcela fose considerada solo urbano consolidado e quedase fóra do polígono da Agra. Segundo indicou, esa decisión ten consecuencias directas, xa que o propietario non terá que participar nos custos de urbanización nin estará obrigado a construír vivenda protexida nese ámbito.
A edil nacionalista tamén dirixiu críticas ao PP, ao que acusou de non defender nos tribunais, cando gobernaba a cidade, que o soar das Adoratrices permanecese dentro do polígono como solo urbano non consolidado. Veira cuestionou ademais as alternativas formuladas polos populares, especialmente a posibilidade de indemnizar os propietarios, ao considerar contraditorio falar desa vía mentres o PP denuncia a situación económica do Concello.
O BNG defende que o diálogo aberto co goberno local permitiu mellorar a proposta que inicialmente estaba prevista para o pleno de abril. Segundo a formación, os cambios introducidos permitiron eliminar un edificio que rompía a aliñación da rúa Pascual Veiga e reducen o tamaño doutra edificación, o que contribuiría a manter unha mellor conexión visual entre o parque e a contorna de Gregorio Fernández.
A formación sostén que a súa posición busca evitar que o ámbito quede bloqueado de maneira indefinida e permitir a apertura dun espazo verde de gran tamaño nun dos barrios máis densos da cidade. Con todo, insiste en que o desbloqueo urbanístico debe ir acompañado de compromisos concretos para mellorar a vida cotiá da veciñanza da Agra.