O BNG asegura que condicionou o seu apoio ao Parque da Agra a máis zona verde e menos edificabilidade

ACoruñaXa
A formación manifesta que o seu voto á modificación do PXOM dependerá tamén dun plan específico para mellorar limpeza, transporte e accesibilidade no barrio
A CORUÑA bng avia veira
7 May 2026

O BNG da Coruña manifesta que condicionou o seu apoio á modificación puntual do PXOM no ámbito do Parque da Agra á redución da edificabilidade prevista inicialmente polo goberno local e ao aumento das zonas verdes.

A formación nacionalista sostén que a súa posición permitiu introducir cambios relevantes no proxecto e defende que, grazas a esas condicións, o chamado 'Leira Park' poderá converterse nun verdadeiro parque para o barrio da Agra do Orzán.

Segundo indica o BNG, a redución da edificabilidade conseguiuse sen destinar fondos públicos a compensacións aos propietarios. O grupo destaca ademais que a proposta incluirá un 40% de vivenda pública, un elemento que considera importante dentro da actuación urbanística.

A modificación puntual do planeamento está previsto que chegue ao pleno do vindeiro xoves, 14 de maio. A candidata nacionalista á Alcaldía, Avia Veira, asegura que o apoio do Bloque non é un cheque en branco e que responde á vontade de corrixir a proposta inicial presentada polo executivo municipal.

O BNG tamén vincula o seu posicionamento á necesidade de que o goberno local impulse un plan específico para a Agra do Orzán. A formación considera que o barrio precisa actuacións en materia de limpeza viaria, transporte público e accesibilidade, ademais da creación do novo espazo verde.

0.14255309104919