A veciñanza da Agra inicia unha recollida de sinaturas para presentar unha alegación colectiva ao cambio do PXOM

A Asociación Veciñal Agra do Orzán iniciou este luns unha campaña de recollida de sinaturas para presentar unha alegación colectiva contra a modificación puntual do PXOM que afecta ao futuro Parque do Observatorio. A iniciativa permanecerá aberta ata o 31 de xullo e pretende reunir o maior respaldo veciñal posible durante o período de exposición pública do documento urbanístico.
As persoas que desexen participar poderán facelo de luns a venres, entre as 11.30 e as 13.30 horas, na mesa instalada á altura do número 26 da rúa Barcelona, xunto á entrada do Mercado das Conchiñas.
A campaña forma parte das accións que a entidade veciñal leva desenvolvendo nos últimos meses para reclamar que o ámbito do Parque do Observatorio e do Campo da Burra se destine integramente a zonas verdes e equipamentos públicos, sen novas promocións residenciais.
A asociación considera que a modificación urbanística segue permitindo a construción de vivendas nun dos poucos espazos libres que quedan no barrio e sostén que a Agra do Orzán, unha das zonas con maior densidade de poboación da cidade, necesita un gran parque urbano que mellore a calidade de vida da veciñanza.
O actual documento urbanístico incorpora cambios respecto ás primeiras propostas tras o acordo alcanzado entre o Goberno local e o BNG, que reduciu a edificabilidade prevista e reservou a maior parte da superficie para zonas verdes e equipamentos. Con todo, o colectivo veciñal considera insuficientes estas modificacións e continúa reclamando que non se levante ningún edificio de vivendas no futuro parque.
A recollida de sinaturas servirá para reforzar a alegación colectiva que a asociación presentará antes de que remate o prazo de información pública, nun novo capítulo dunha reivindicación veciñal que leva décadas defendendo a creación dun gran espazo verde na Agra do Orzán.