O PSOE de Carral leva ao próximo pleno o seu apoio ao Hub Educativo de Sésamo

O PSOE de Carral presentou unha moción para o próximo pleno ordinario coa que busca que o Concello apoie formalmente o proxecto do Hub Educativo Metropolitano de Sésamo, unha iniciativa impulsada pola Asociación Veciñal O Val de Culleredo que volveu ao debate político tras o pleno extraordinario sobre a implantación da FP Básica no IES de Carral.
A proposta socialista reclama que o alcalde se adhira ao protocolo de intencións para crear en Sésamo un instituto público de Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional. O obxectivo é que Carral participe activamente, xunto con outros concellos da contorna, na defensa dun proxecto educativo de carácter supramunicipal.
Na moción, o PSOE defende que esta infraestrutura permitiría reducir os desprazamentos do alumnado de Carral, mellorar a conciliación das familias e facilitar o acceso a unha Formación Profesional máis especializada. A formación considera que o proxecto representa unha oportunidade estratéxica para o municipio e para a área metropolitana da Coruña.
Os socialistas tamén propoñen que o Concello inste á Xunta de Galicia a incluír a construción do instituto na planificación educativa autonómica e a consignar as partidas necesarias para redactar o proxecto, executar as obras e poñer en marcha o centro.
Outro dos puntos da moción pide que o futuro instituto incorpore ciclos de FP vinculados á panadaría, repostaría e pastelaría, sectores cunha forte presenza en Carral. Segundo o PSOE, esta oferta permitiría responder ás necesidades do tecido económico local, favorecer a profesionalización e contribuír á creación de emprego e á fixación de poboación nova no rural.
A iniciativa chega despois de que Alternativa dos Veciños e PSOE cuestionasen no pleno extraordinario a forma na que se está tramitando a implantación da FP Básica de Mantemento de Vehículos no IES de Carral. Fronte a ese modelo, os socialistas apostan agora por abrir unha vía institucional arredor do proxecto de Sésamo e por trasladar o acordo aos concellos de Culleredo, Cerceda, Cambre e Arteixo, ademais da Xunta e da asociación O Val de Culleredo.