O Val de Culleredo reivindica o seu Hub Educativo tras o pleno sobre a FP en Carral

ACoruñaXa
A asociación agradece o recoñecemento recibido no pleno e defende que o proxecto de Sésamo beneficiaría a toda a área metropolitana
CULLEREDO asociacion val
26 Jun 2026

A Asociación O Val de Culleredo reivindicou o seu proxecto de Hub Educativo en Sésamo despois de que a iniciativa fose mencionada durante o pleno extraordinario celebrado esta semana en Carral para abordar a implantación dunha FP Básica de Mantemento de Vehículos no IES do municipio.

A entidade agradeceu publicamente as palabras de apoio expresadas por Alternativa dos Veciños e polo PSOE durante o debate plenario, formacións que puxeron en valor unha proposta que, segundo a asociación, naceu co obxectivo de ampliar a oferta educativa na contorna e responder ás necesidades de varios concellos da área metropolitana.

O proxecto contempla a creación dun novo espazo educativo en Sésamo que poida prestar servizo a alumnado de Culleredo, Carral, Cerceda e mesmo doutros municipios próximos, ofrecendo novos ciclos formativos e contribuíndo a reducir os desprazamentos que moitos estudantes realizan actualmente para continuar a súa formación.

Desde O Val de Culleredo subliñan que o feito de que a iniciativa fose obxecto de debate nun pleno celebrado fóra do seu municipio demostra que a proposta 'esperta interese máis alá de Culleredo'. A asociación insiste en que o Hub Educativo non debe entenderse como un proxecto exclusivamente local, senón como unha infraestrutura pensada para crear oportunidades educativas, económicas e sociais en toda a comarca.

Durante o pleno de Carral, tanto Alternativa dos Veciños como o PSOE lembraron que a asociación presentara este proxecto ao alcalde carralés, José Luis Fernández Mouriño, antes de que a Xunta anunciase a implantación da FP Básica no IES de Carral. Segundo expuxeron ambos grupos, inicialmente o rexedor amosara receptividade á iniciativa, aínda que posteriormente deixou de impulsala. Pola súa banda, o alcalde respondeu que continúa aberto a estudar o proxecto sempre que avance a súa tramitación e conte cos informes e apoios necesarios.

Tras ese debate, O Val de Culleredo reafirmou a súa vontade de seguir traballando para facer realidade o Hub Educativo. A asociación defende que o rural debe deixar de verse como un espazo con limitacións e converterse nun lugar capaz de atraer novos servizos e investimentos.

'O proxecto non vai só de Sésamo nin só de Culleredo. Vai de crear oportunidades educativas, económicas e sociais para toda a área metropolitana', sinala a entidade, que conclúe facendo un chamamento á colaboración entre administracións para impulsar iniciativas que reforcen a oferta educativa pública.

0.16817998886108