O PP pon o foco nas contas municipais e no Parque da Agra antes do pleno

ACoruñaXa
Miguel Lorenzo pedirá explicacións polo informe de Intervención sobre a liquidación de 2025 e propón trasladar edificabilidade a outras zonas para ampliar o espazo verde no Agra
A CORUÑA miguel lorenzo parque de agra
12 May 2026

O PP da Coruña levará ao pleno deste xoves dúas das principais frontes abertas na política municipal: a situación económica do Concello tras a liquidación do orzamento de 2025 e o futuro do Parque da Agra. O portavoz popular, Miguel Lorenzo, anunciou que pedirá explicacións ao goberno local polos datos recollidos no informe de Intervención e reiterou o seu rexeitamento á modificación urbanística prevista para o ámbito do Agra.

No apartado económico, Lorenzo sostén que a liquidación de 2025 confirma un escenario delicado para as contas municipais. Segundo os datos sinalados polo grupo popular, o Concello incumpre a estabilidade orzamentaria, presenta un remanente de tesouraría negativo de 9,66 millóns de euros, un aforro neto tamén negativo de 2,3 millóns e supera a regra de gasto en 12 millóns.

O PP considera que estes indicadores obrigarán ao goberno local a adoptar medidas de axuste no orzamento deste ano e advirte de que a situación pode afectar á capacidade municipal para financiar novas inversións mediante préstamo. Lorenzo reclamará no pleno que o executivo aclare que partidas poderían verse afectadas e pediu que non haxa recortes en gasto social.

Os populares tamén vinculan este debate económico coa execución das inversións nos barrios. O grupo municipal lembra que xa viña criticando a baixa execución de proxectos previstos en exercicios anteriores e considera que o novo escenario financeiro pode complicar aínda máis a posta en marcha de actuacións pendentes.

Na mesma sesión, o PP volverá situar o Parque da Agra no centro do debate. Lorenzo propón abrir unha negociación cos propietarios da edificabilidade prevista no ámbito para trasladala a outras zonas da cidade. Segundo defende, esta fórmula permitiría gañar máis superficie verde para a veciñanza sen asumir un desembolso elevado das arcas municipais e mantendo as vivendas previstas noutros ámbitos.

O portavoz popular tamén pediu ao BNG que reconsidere o seu apoio ao expediente e facilite unha nova negociación antes da votación. O PP sostén que a proposta pactada polo goberno local e os nacionalistas segue sen responder ás demandas dunha parte da veciñanza, ao manter solo destinado a edificios e reducir as prazas de aparcadoiro gratuítas previstas inicialmente.

A formación insiste en que o barrio precisa máis zona verde, máis equipamentos e unha solución urbanística con maior consenso. O pleno deste xoves volverá medir así o equilibrio político arredor dun proxecto que leva semanas marcando o debate municipal e que chega á sesión con PSOE y BNG defendendo os cambios introducidos e o PP reclamando unha alternativa diferente.

0.13591694831848