O conflito polo Parque da Agra leva o barrio de novo á rúa

ACoruñaXa
A manifestación convocada para este sábado chega tras décadas de reclamacións veciñais, a apertura parcial do Observatorio e o choque co cambio urbanístico que o Concello quere aprobar
A CORUÑA manifestación parque da agra
24 Apr 2026

A Agra do Orzán volverá mobilizarse este sábado, 25 de abril, para reclamar o parque que a veciñanza considera necesario nun dos barrios máis densamente poboados da cidade. A convocatoria chega despois de que a asociación veciñal rexeitase o plan de urbanización que prepara o Goberno local e apenas mes e medio despois da apertura ao público do parque do Observatorio, unha actuación que o Concello presenta como a primeira fase dun proxecto máis amplo.

A orixe do conflito remóntase moito máis atrás. O propio Concello sitúa a demanda dunha gran zona verde na Agra xa na década dos oitenta e fala dunha reivindicación histórica de case 40 anos. Ese vello obxectivo deu un paso importante en marzo de 2023, cando o Concello e a AEMET asinaron o protocolo para retirar os muros do Observatorio e abrir ao uso público o espazo non edificado da parcela.

Mais o proceso non avanzou ao ritmo que agardaba o barrio. En abril de 2024 seguían as críticas pola falta de execución efectiva dun acordo que xa estaba en vigor desde o 1 de abril de 2023 e que debía permitir abrir ao público unha superficie verde moi demandada na contorna.

O desbloqueo real chegou en 2025. En xuño, o Concello obtivo a concesión demanial dos terreos da AEMET, un trámite imprescindible para poder actuar na parcela. Un mes máis tarde, o pleno aprobou o convenio urbanístico sobre o antigo solar das Adoratrices para dar cumprimento á sentenza do TSXG de 2015 e sumar ao futuro parque máis de 3.000 metros cadrados de zona verde e espazo libre de uso público. Ese acordo tamén prevía abrir un novo acceso peonil e visual desde Gregorio Hernández e deixaba aberta a posibilidade dun aparcadoiro soterrado público.

A partir de aí foron chegando as obras. En agosto de 2025 iniciouse a reforma interior do Observatorio, en outubro comezou o derrubo dos muros exteriores pola rúa Canceliña e o 10 de marzo deste ano abriuse á cidadanía a primeira fase do parque, cunha superficie axardinada de 2.100 metros cadrados. Segundo detallou entón o Concello, o novo espazo incorporaba céspede, 336 arbustos e 11 bidueiros, e estaba concibido como un primeiro paso antes de ampliar o parque con novas actuacións.

Porén, a apertura non pechou a ferida. A asociación veciñal sostén que o espazo inaugurado non responde ao parque prometido durante anos e denuncia que segue sen contar con servizos e equipamentos básicos, como accesos adaptados, zonas infantís, fontes, aseos ou sombra suficiente. O Concello, pola súa banda, admitiu que o recinto non estaba rematado e defendeu a apertura anticipada para que a veciñanza comezase a utilizalo mentres continúan as fases posteriores.

Nese contexto chegou o seguinte choque. O 9 de abril, o Goberno municipal e o BNG acordaron crear unha mesa de traballo con participación veciñal e adiar un mes a aprobación inicial da modificación puntual do PXOM do Parque da Agra, co obxectivo de facilitar o debate durante abril e levar o asunto ao pleno de maio. Mais a veciñanza entende que o plan que se prepara segue lonxe do gran espazo verde que leva décadas reclamando, e desa discrepancia nace a manifestación deste sábado ás 17.30 horas.

0.12930202484131