O Concello de Culleredo acusa o PP de 'hipocrisía' co Conservatorio e reivindica os máis de 700.000 euros de investimento municipal

O goberno local de Culleredo respondeu ás críticas do Partido Popular sobre a situación do Conservatorio Municipal de Música acusando aos populares de actuar con 'descarada hipocrisía' e de utilizar o centro como 'arma electoral'. O Concello reivindica o investimento que realiza cada ano no servizo e cuestiona que a Xunta de Galicia, pese a ter competencias en materia educativa, non achegue financiamento para o seu funcionamento.
Segundo o executivo municipal, o Concello destina máis de 700.000 euros anuais ao Conservatorio, mentres que a administración autonómica non contribúe economicamente ao centro. A Deputación da Coruña, pola súa banda, achega 25.000 euros a través dunha liña de axudas destinada aos centros de ensino musical.
A resposta municipal chega despois de que o PP de Culleredo reclamase explicacións ao alcalde, José Ramón Rioboo, polas deficiencias que afectan ao Conservatorio, entre elas a falta de cobertura dunha media xornada de piano, os problemas nas instalacións e os atrasos nas subvencións destinadas ás asociacións de nais e pais.
O Concello defende o procedemento para cubrir a vacante de piano
Sobre a substitución do docente de piano, o goberno local explica que a cobertura dunha vacante debe seguir os procedementos legais e administrativos establecidos, tanto neste Conservatorio como nos centros que xestiona a Xunta. O executivo recoñece que os prazos poden ser máis longos do desexado, pero asegura que se realizaron os chamamentos correspondentes ás listas de substitución.
Segundo a versión municipal, tras contactar coa primeira persoa da lista, esta aceptou outro posto de traballo mentres se tramitaba a fiscalización económica necesaria para formalizar a contratación. Esta circunstancia obrigou ao Concello a realizar un novo chamamento á seguinte persoa da listaxe.
O goberno local acusa a portavoz popular, Izaskun G. Gorostizu, de trasladar unha visión que considera 'falsa' da situación e sostén que o PP está utilizando a problemática do Conservatorio para criticar ao Concello, sen cuestionar a falta de financiamento da Xunta.
Gratuidade e reforma integral
O Concello lembra tamén que o Conservatorio Municipal é gratuíto para todo o alumnado desde hai dous cursos, unha medida adoptada polo actual goberno local para facilitar o acceso á educación musical.
Ademais, o executivo municipal asegura que está traballando na reforma integral das instalacións, unha actuación para a que se aprobou unha partida no expediente de crédito financiado con cargo ao remanente municipal.
O Conservatorio foi creado en 1992 por iniciativa do goberno local e, desde entón, converteuse nun centro de referencia para a formación musical no municipio. O Concello defende que os recursos destinados á educación deben entenderse como un investimento e reivindica a importancia de manter unha oferta pública de ensino musical desde idades temperás.