A ANPA do Conservatorio de Culleredo denuncia atrasos na substitución dun profesor de piano

ACoruñaXa
As familias reclaman cubrir unha vacante de media xornada que continúa sen resolverse e o Concello asegura que xa realizou un primeiro chamamento, pero que a persoa seleccionada aceptou outro posto
CULLEREDO conservatorio musica
12 Nov 2026

A falta de cobertura dunha praza docente no Conservatorio Profesional de Música de Culleredo volve xerar malestar entre as familias. A ANPA O Burgo denunciou este xoves os atrasos na substitución dun profesor de piano a media xornada e reclama ao Concello unha solución inmediata, ao considerar que estas demoras afectan ao proceso de ensino-aprendizaxe do alumnado.

A asociación asegura que a situación se repite en distintos cursos e cuestiona que, malia estar vixentes as listas de substitución do profesorado das diferentes especialidades instrumentais, non se consiga cubrir con maior rapidez as vacantes. Segundo explica, neste caso a necesidade de substitución era coñecida antes do inicio do curso e, a 12 de novembro, a praza aínda non estaba cuberta.

A ANPA tamén expresa a súa disconformidade coa xestión municipal en materia de persoal e coa falta de información ás familias sobre estas incidencias. Por iso, reclama que se axilicen os trámites para incorporar canto antes un docente e que as dificultades administrativas non repercutan na formación do alumnado.

O Concello defende o procedemento seguido

Pola súa banda, o Concello de Culleredo amosouse sorprendido polo comunicado da asociación e lembra que o alcalde, José Ramón Rioboo, mantivo a semana pasada unha reunión coa presidencia da ANPA na que, segundo o Goberno local, se abordaron estas cuestións e se explicou o procedemento administrativo.

O executivo municipal concreta que a vacante corresponde a unha substitución de media xornada dun docente de piano. Segundo indica, realizou o chamamento á seguinte persoa da lista, pero, mentres se tramitaba a fiscalización económica necesaria para formalizar a incorporación, o aspirante decidiu aceptar outro posto de traballo.

Esta circunstancia obriga agora a contactar coa seguinte persoa da listaxe e repetir o trámite de fiscalización, explica o Concello, que defende que se trata do procedemento formal que debe seguir a Administración local. O Goberno recoñece que os prazos poden prolongarse máis do desexado, pero asegura que tamén busca unha cobertura rápida da praza.

Na reunión coa ANPA abordouse ademais a preocupación das familias polo uso de horas sindicais por parte dalgún docente durante o horario lectivo. O Concello lembra que se trata dun dereito dos traballadores que debe respectarse conforme á lexislación.

O Goberno local reivindica o seu compromiso co Conservatorio, que define como un proxecto municipal polo que apostou coa creación do centro e coa gratuidade dos estudos durante este mandato. Tamén destaca a elaboración das listas de substitución como ferramenta para cubrir as necesidades de persoal.

0.14093589782715