O Conservatorio de Culleredo acumula varios cursos de demandas sen resolver

ACoruñaXa
A ANPA reclama solucións para os problemas de persoal, as deficiencias nas instalacións e as subvencións pendentes
CULLEREDO conservatorio musica
17 Nov 2026

A asociación de familias do alumnado do Conservatorio Municipal de Culleredo leva varios cursos reclamando solucións a diferentes problemas relacionados co profesorado, as instalacións e as subvencións, sen que, segundo denuncia, as reunións mantidas co goberno local se traducisen en medidas efectivas.

A formación Alternativa levará estas demandas ao vindeiro pleno municipal para reclamar respostas concretas e un calendario de actuacións que permita resolver as cuestións pendentes. Entre elas figuran a cobertura dunha praza vacante, a execución das obras comprometidas no edificio e a resolución das subvencións destinadas ás asociacións de nais e pais.

Un dos principais problemas afecta á organización do persoal docente. Segundo explica a ANPA, o conservatorio comezou o curso cunha praza a media xornada sen cubrir. Ademais, a asociación advirte de que parte do alumnado non recibe todas as horas de docencia que lle corresponden debido ás xornadas parciais dalgúns profesores. Por este motivo, reclama que todo o claustro conte con xornadas completas.

As familias tamén denuncian que continúan sen executarse as obras comprometidas polo goberno municipal para solucionar as filtracións e as humidades do edificio. Esta situación, segundo indican, afecta ás condicións de uso das instalacións, nas que mesmo 'chove' no interior.

Outro dos asuntos pendentes é o das axudas ás ANPAS. As subvencións correspondentes aos anos 2023 e 2024 aínda están sen resolver, mentres que as convocatorias de 2025 e 2026 nin sequera se publicaron.

Desde Alternativa consideran que a situación require unha resposta municipal e advirten de que o alumnado non pode seguir asumindo as consecuencias dos problemas de planificación e xestión. 'Algo ten que cambiar. O alumnado non pode seguir pagando os problemas de planificación e xestión municipal. Non se trata de incidencias puntuais, senón dunha acumulación de necesidades sen resolver e compromisos do goberno local que non se materializan', sinalan desde a formación.

0.14278411865234