Un investimento de 800.000 euros renovará o Conservatorio Municipal de Culleredo

O Conservatorio Municipal de Culleredo afronta unha nova etapa de impulso educativo e mellora das súas instalacións. A Deputación da Coruña concedeu ao Concello unha achega de 25.000 euros para apoiar o funcionamento do centro, no que actualmente se forman de maneira gratuíta arredor de 160 alumnos e alumnas.
A deputada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, visitou as instalacións xunto ao alcalde de Culleredo e deputado provincial, José Ramón Rioboo, nun encontro no que se puxo en valor o papel dos conservatorios e escolas municipais de música como espazos de acceso á cultura e á formación artística.
O centro cullerdense é gratuíto para todo o alumnado desde o pasado curso, unha medida coa que o goberno local busca facilitar o acceso á educación musical pública. Na actualidade ofrece ensinanzas de grao elemental e profesional, conta con 11 especialidades e é o único conservatorio de Galicia que imparte iniciación musical para nenos e nenas de entre 6 e 8 anos.
Entre as disciplinas que se poden cursar figuran violín, violoncello, piano, guitarra, percusión, saxofón, frauta, clarinete, trompeta, canto e acordeón. O Conservatorio foi creado en 1992 e consolidouse desde entón como un centro de referencia na comarca, tanto pola súa oferta formativa como polo seu papel na vida cultural do municipio.
O alcalde, José Ramón Rioboo, destacou que o Conservatorio 'vai máis alá da formación musical' e definiuno como un proxecto educativo vencellado tamén aos valores. O rexedor agradeceu o apoio da Deputación e defendeu que os recursos destinados á educación son 'un investimento, non un gasto'.
Ademais da axuda para o funcionamento ordinario, o Concello acometerá unha reforma integral do edificio cun investimento de 800.000 euros con cargo ao remanente de tesouraría. A actuación permitirá renovar as instalacións e mellorar as condicións nas que se desenvolve a actividade docente.
O contorno do centro tamén será obxecto dunha intervención. O Concello modernizará a rúa Andrés Pan Vieiro a través dun proxecto licitado por 461.000 euros, dos que 250.000 euros serán achegados pola Deputación. A obra inclúe a creación dun espazo máis humanizado arredor do Conservatorio, con novo pavimento sobreelevado de formigón, alumeado, arborado e mobiliario urbano.