O BNG alerta de que a nova intermodal da Coruña complica os desprazamentos en autobús desde a comarca

Os cambios introducidos no transporte metropolitano por autobús tras a apertura da nova estación intermodal da Coruña están a xerar problemas para as persoas usuarias da comarca. Así o denuncia a deputada do BNG Iria Taibo, que rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego na que reclama á Xunta revisar a reorganización das liñas e adaptar o servizo ás necesidades reais da cidadanía.
A parlamentaria considera que a posta en marcha da nova infraestrutura debería servir para revisar os percorridos, os horarios e o funcionamento xeral do transporte metropolitano. Entre as deficiencias que sinala figuran a falta de reforzos nas horas punta, os itinerarios que non responden ás necesidades das persoas usuarias e os horarios que, segundo afirma, non se están cumprindo.
Taibo critica que os cambios anunciados polo Goberno galego están a dificultar os desprazamentos e acusa á Xunta de non ter aproveitado a apertura da intermodal para mellorar o servizo. Neste sentido, sostén que a reorganización responde máis aos intereses das empresas que aos das persoas que utilizan o transporte público.
Entre os problemas concretos, a deputada apunta que parte dos autobuses deixaron de parar na Costa da Palloza e que a reorganización das paradas nos xardíns afastou algúns servizos do centro da cidade. Tamén sinala que determinadas liñas perderon as paradas próximas á intermodal na rolda de Outeiro e reclama mellorar a coordinación dos transbordos cos autobuses urbanos.
A falta de información sobre os cambios é outra das cuestións que recolle a iniciativa. Segundo Taibo, as persoas usuarias están a acudir ás paradas con máis antelación da habitual porque non saben con certeza que servizos manteñen os puntos de parada e cales deixaron de facelo.
A deputada tamén advirte das condicións dalgunhas paradas provisionais, entre elas a do CHUAC, que considera insuficientes para prestar un servizo adecuado.
Por estes motivos, o BNG pide á Xunta que revise as adaptacións realizadas tras a apertura da estación intermodal para achegar as paradas aos destinos e puntos de conexión máis habituais e coordinar os servizos metropolitanos cos do transporte urbano. Ademais, reclama revisar os contratos de transporte en vigor para adecualos ás necesidades reais das persoas usuarias.