Máis vivendas, aparcamento e actividade económica para recuperar o casco histórico de Betanzos

Máis de tres décadas despois do planeamento aprobado en 1992, o casco histórico afronta unha revisión das súas normas coa aprobación inicial do novo Plan Especial de Protección e Ordenación do Casco Histórico (PEPOCH). O documento pretende actualizar a regulación da zona monumental e, ao mesmo tempo, facilitar a súa recuperación como espazo residencial, comercial, turístico e de convivencia.
A Xunta de Goberno Local deu luz verde inicialmente a un plan que mantén como prioridade a conservación do patrimonio, pero introduce cambios para adaptar os edificios e os usos ás necesidades actuais. A intención é evitar que a protección patrimonial se converta nun obstáculo para rehabilitar inmobles, recuperar vivendas baleiras ou manter actividade no centro histórico.
Máis facilidades para recuperar vivendas
Un dos principais cambios do novo PEPOCH afecta ao uso residencial. A normativa elimina a limitación específica do número de vivendas que pode haber nun edificio, polo que será posible crear novas unidades, modificar a súa distribución ou realizar divisións horizontais sempre que se cumpran os requisitos de habitabilidade, accesibilidade e seguridade establecidos pola normativa.
Tamén se contempla a creación de vivendas en inmobles que anteriormente non estaban destinados a este uso. Con esta modificación, o Concello busca facilitar a recuperación de edificios baleiros ou infrautilizados e aumentar a capacidade residencial do casco histórico.
A medida chega nun contexto no que a recuperación de vivendas no centro xa está a través de iniciativas como o programa Rexurbe. Nos últimos meses, a Xunta entregou novos pisos rehabilitados neste ámbito e o Concello reclamou ampliar a adquisición de inmobles para incorporalos ao parque público de alugueiro.
Aparcamento e mobilidade entran tamén no novo plan
A dificultade para dotar de aparcamento ás vivendas do casco histórico é outro dos problemas aos que pretende responder o documento. O novo PEPOCH permitirá estudar e autorizar, sempre baixo as condicións que determine o propio plan e garantindo a protección das fachadas, solucións tecnolóxicas para habilitar accesos a garaxes en edificios históricos.
A intención é buscar novas posibilidades de estacionamento sen alterar os elementos patrimoniais protexidos e favorecer así que os edificios continúen tendo uso residencial.
Esta cuestión está directamente relacionada co debate sobre a mobilidade que se vén desenvolvendo nos últimos meses. A nova ordenanza de tráfico do casco histórico establece un tempo máximo de acceso de 30 minutos para os usuarios non autorizados, mentres que residentes, usuarios de garaxes e outros colectivos dispoñen de condicións diferentes. O control realízase mediante cámaras e o estacionamento queda prohibido fóra dos espazos habilitados.
A regulación provocou críticas da oposición. O PP presentou unha alegación colectiva respaldada por máis de 450 sinaturas para reclamar cambios na normativa e defender unha regulación que, ao seu xuízo, permita compatibilizar a protección do patrimonio coa actividade comercial e coa vida diaria dos residentes.
O BNG mantén unha posición diferente e reclama avanzar cara a un casco histórico máis peonil, con menos presenza do vehículo particular e un modelo de mobilidade que priorice as persoas. A formación nacionalista considera que o debate debe ir máis alá do tempo permitido para circular e reclama un Plan de Mobilidade que analice o conxunto das necesidades da zona.
Turismo sen perder o carácter residencial
O novo PEPOCH incorpora tamén unha regulación específica dos usos hoteleiros e turísticos, incluídas as vivendas destinadas a uso turístico. A proposta diferencia o uso residencial das distintas modalidades de aloxamento temporal e busca evitar unha transformación indiscriminada dos edificios destinados actualmente a vivenda.
O obxectivo é compatibilizar a actividade turística coa conservación da vida cotiá do casco histórico, de maneira que o centro monumental poida seguir recibindo visitantes sen deixar de ser un lugar onde vivir.
A actividade económica tamén ocupa un lugar destacado na nova planificación. O documento considera necesario favorecer a recuperación do comercio y de outros negocios para que a zona antiga non quede reducida a un espazo patrimonial ou turístico.
Nesa mesma liña se sitúan actuacións recentes como a renovación do Mercado Municipal, que reabriu tras un investimento de máis de dous millóns de euros cunha proposta que combina comercio, hostalaría e gastronomía e que pretende converterse nun novo foco de actividade no casco histórico.
Patrimonio, enerxía solar e novos espazos públicos
A protección do patrimonio continuará sendo a base do PEPOCH, que incorpora criterios actualizados sobre conservación, accesibilidade, habitabilidade, paisaxe e intervención nos edificios.
Unha das novidades é a incorporación dun estudo específico sobre a visibilidade das cubertas do conxunto histórico. Esta análise permitirá identificar aquelas que, pola súa posición e percepción desde o espazo urbano, poderían acoller instalacións de enerxía solar sen causar un impacto significativo, así como as que deberán manter a súa configuración debido á súa especial exposición visual ou importancia paisaxística.
O documento tamén aposta por mellorar os espazos libres, as zonas verdes e os lugares de estancia, ademais de ampliar os percorridos peonís e crear novos espazos para o uso das familias e das persoas residentes.
A mobilidade peonil, a mellora dos espazos públicos e a conexión entre o casco histórico, os seus bordos e o río pasan así a formar parte dunha mesma estratexia para recuperar a zona antiga.
Un plan que chega tras anos de tramitación
A aprobación inicial do PEPOCH pon fin a unha longa etapa de espera para substituír o documento aprobado en 1992. A revisión do planeamento arrastrou diferentes dificultades durante os últimos anos, incluído o fracaso do primeiro contrato de redacción, antes de retomarse os traballos para elaborar unha nova proposta.
Agora, o documento inicia unha nova fase administrativa e deberá continuar coa súa tramitación antes de alcanzar a aprobación definitiva. Será tamén durante este proceso cando se poderán presentar as correspondentes alegacións e achegas.
O novo PEPOCH chega ademais poucos meses despois da aprobación provisional do primeiro PXOM de Betanzos tras case tres décadas de trámites. O plan xeral saíu adiante co apoio do Goberno local, o PP e os concelleiros non adscritos, mentres o BNG votou en contra polas súas discrepancias coas previsións urbanísticas para O Carregal.
Ambos documentos representan así dúas pezas fundamentais da renovación urbanística que leva anos pendente. Mentres o PXOM establece o marco xeral de ordenación do municipio, o novo PEPOCH céntrase especificamente nun dos espazos máis sensibles e valiosos da cidade.
O reto será agora conseguir que a nova normativa se traduza na recuperación efectiva dos edificios, na chegada de novos residentes, no mantemento da actividade económica e nun casco histórico que conserve o seu patrimonio sen perder a vida que lle dá sentido.