As familias do Castro Baxoi elevan á Xunta as súas queixas polo estado do centro

ACoruñaXa
A ANPA reclama unha reunión co presidente autonómico para abordar as deficiencias na cuberta, na fachada e na organización horaria da ESO
MIÑO ceip castro baxoi
2 Jun 2026

A comunidade educativa do CPI Castro Baxoi, en Miño, volve reclamar respostas ante unha situación que, segundo denuncia a ANPA do centro, leva anos pendente de solución. A asociación de nais e pais remitiu formalmente unha carta á Secretaría da Presidencia da Xunta de Galicia para que sexa trasladada ao presidente autonómico, Alfonso Rueda, e rexistrou tamén o escrito no Concello de Miño para a súa remisión aos organismos competentes.

No documento, as familias trasladan a súa preocupación polo estado das instalacións, especialmente pola necesidade de reparar a cuberta e polo deterioro da fachada. A ANPA advirte ademais da existencia de humidades, filtracións e desprendementos que, segundo sinala, afectan directamente á seguridade da comunidade educativa.

A asociación asegura que estas demandas xa foron comunicadas en numerosas ocasións mediante escritos rexistrados, reunións, mobilizacións e reivindicacións públicas. Lembra tamén que, malia recoñecer investimentos recentes e melloras no interior do centro, continúan sen resolverse actuacións estruturais que considera básicas para garantir espazos seguros e dignos para o alumnado.

Entre as cuestións que máis preocupan ás familias figura tamén a organización horaria da Educación Secundaria Obrigatoria. Segundo expón a ANPA, o alumnado da ESO sofre unha redución efectiva de 45 minutos lectivos semanais pola organización do transporte escolar, unha situación que consideran discriminatoria fronte a outros centros públicos galegos.

A entidade insiste en que a súa reclamación non responde a intereses políticos nin partidistas e subliña que o seu obxectivo é defender a igualdade de oportunidades, a calidade educativa e a seguridade dos nenos e nenas do CPI Castro Baxoi. Por iso, pide ser recibida pola Presidencia da Xunta para trasladar directamente as necesidades do centro e avanzar cara a solucións concretas.

0.12653589248657