A Xunta prevé substituír a cuberta do patio do CPI Castro Baxoi de Miño

A Xunta prepara novas melloras no Centro Público Integrado Castro Baxoi, en Miño. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Manuel Vila, explicou este venres no Parlamento que a substitución da cuberta do patio do centro figura na programación de actuacións do Plan de nova arquitectura pedagóxica para o período actual, vixente ata 2028.
Segundo indicou o representante da Consellería, o departamento educativo conta xa cunha memoria valorada da intervención, o primeiro documento necesario para iniciar a tramitación do proxecto. Esa memoria está redactada e atópase pendente da correspondente supervisión técnica.
A actuación prevista permitiría elevar a máis de 400.000 euros o investimento do Goberno galego en obras no CPI Castro Baxoi nos últimos anos, segundo as primeiras estimacións trasladadas pola Xunta. Entre as intervencións xa executadas no centro, Manuel Vila citou a adecuación de espazos para novas aulas de desdobre, o acondicionamento dun novo comedor, a reforma dun local de usos múltiples e outras melloras nas instalacións.
O secretario xeral técnico defendeu que as obras promovidas pola Xunta nos centros educativos se planifican a partir dos informes das unidades técnicas provinciais, que avalían e priorizan as necesidades segundo criterios obxectivos. Vila lembrou tamén que, neste tipo de centros, as actuacións ordinarias de mantemento e conservación corresponden aos concellos. Neste sentido, advertiu de que a falta de mantemento pode facer que pequenas incidencias acaben derivando en problemas máis graves, custosos e complexos de resolver.
O representante da Consellería aproveitou ademais a súa intervención para reclamar ao Goberno central un Plan nacional de mellora de infraestruturas educativas que permita intensificar este tipo de obras. Tamén pediu que se atenda a solicitude do Parlamento de Galicia para reducir ao 10% o IVE das actuacións en centros educativos.