Reclaman solucións urxentes para o CPI Castro Baxoi de Miño ante o atraso nas melloras

O BNG de Miño esixiu á Xunta de Galiza medidas inmediatas para resolver os problemas que, segundo denuncia, afectan desde hai tempo ao CPI Castro Baxoi. A formación nacionalista acusa o Goberno galego de incumprir os compromisos adquiridos co centro educativo, especialmente no relativo ao arranxo da cuberta do patio, unha intervención que asegura que estaba comprometida desde o ano 2023 e que continúa sen executarse.
A deputada do BNG Mercedes Queixas trasladou esta situación ao Parlamento de Galiza a través dunha iniciativa na que reclama explicacións á Consellería de Educación. Segundo sinalan os nacionalistas, o departamento autonómico comprometeuse a estudar e acometer melloras nesta infraestrutura, mais ata o momento non se levou a cabo ningunha actuación.
Desde o BNG consideran que a cuberta do patio é un elemento esencial para o funcionamento diario do centro, sobre todo nos días de chuvia ou con condicións meteorolóxicas adversas. A falta de intervención, sosteñen, está a causar prexuízos ao alumnado e ao conxunto da comunidade educativa.
'A inacción da Xunta de Galiza é unha falta de respecto cara o alumnado de Miño', afirmou Mercedes Queixas, quen tamén vinculou esta situación cunha falta de planificación e investimento nos centros educativos públicos.
A formación nacionalista tamén trasladou o seu apoio á ANPA do CPI Castro Baxoi pola problemática relacionada coa organización horaria na ESO. Segundo denuncia, a redución do tempo efectivo das sesións lectivas, con períodos inferiores aos establecidos con carácter xeral, supón unha perda de calidade educativa.
O BNG lembra que esta cuestión xa fora levada ao Parlamento galego hai ano e medio sen que, segundo critica, a Xunta adoptase medidas correctoras. Por iso, anima as familias a sumarse á campaña impulsada pola ANPA e a presentar reclamacións para reforzar unha demanda colectiva orientada a recuperar uns horarios lectivos acordes coa normativa.