As familias do CPI Castro Baxoi mobilízanse polo horario lectivo da ESO

A ANPA Castro Baxoi iniciou unha campaña urxente entre as familias do centro para reclamar a revisión do horario lectivo da ESO no CPI Castro Baxoi. A asociación chama á comunidade educativa a presentar un escrito dirixido á Inspección Educativa da Consellería de Educación e á área de Mobilidade dependente da Xunta de Galicia, ao entender que o alumnado podería estar recibindo menos tempo de ensino do establecido pola normativa vixente.
No documento que se está a distribuír entre as familias, a ANPA expón que o horario actual do centro fixa clases pola mañá, de 09.00 a 14.00 horas, con recreos para infantil, primaria e secundaria, así como dúas xornadas semanais pola tarde, de 16.10 a 17.50 horas, para estes últimos cursos. A reclamación sinala ademais que moitas sesións lectivas teñen unha duración de 45 minutos, fronte aos 50 minutos que se empregan de maneira habitual na Educación Secundaria Obrigatoria.
As familias sosteñen que, ao facer o cómputo efectivo do tempo lectivo semanal, podería existir unha redución significativa da carga horaria en comparación cos mínimos establecidos na normativa. Por este motivo, solicitan unha revisión inmediata das horas lectivas semanais e anuais do alumnado da ESO no centro.
A ANPA advirte de que esta situación podería afectar á calidade da aprendizaxe e xerar desigualdade con respecto a outros centros do mesmo sistema educativo. Tamén lembra que en cursos anteriores xa se rexeitaron alegacións e ocasións para modificar o horario, segundo recolle o escrito, alegando problemas relacionados co transporte escolar.
A entidade considera que o problema non afecta só ás familias con fillos e fillas actualmente matriculados na ESO, senón ao conxunto da comunidade educativa, polo que anima a presentar o documento tamén a aquelas familias que teñan alumnado noutras etapas. O obxectivo é dar máis forza a unha reclamación colectiva que, segundo a asociación, busca defender unha educación de calidade.
O Concello de Miño apoia esta demanda das familias e respalda a petición de que se revise o cómputo de horas lectivas no CPI Castro Baxoi. A ANPA pide que as solicitudes se presenten na secretaría do centro, entregando dúas copias para quedar cun xustificante selado, ou ben a través do rexistro municipal, tanto de forma presencial como pola sede electrónica do Concello.