Alternativa dos Veciños cuestiona os anuncios de investimentos da Xunta en Cambre ante a proximidade electoral

Alternativa dos Veciños de Cambre cuestiona a credibilidade dos recentes anuncios de investimentos da Xunta de Galicia no municipio e considera que responden, en parte, á presión da oposición e á proximidade das eleccións. A formación sostén que varias das actuacións presentadas pola Administración autonómica levan anos sendo reclamadas pola veciñanza.
Nun comunicado difundido este 28 de outubro, o grupo municipal apunta aos anuncios de melloras no CEIP Wenceslao Fernández Flórez, ás actuacións na Costa da Tapia e aos traballos no paseo fluvial do río Mero como exemplos de intervencións que, segundo afirma, se fan esperar desde hai máis dunha década. Xunto a estas medidas, cita outras propostas recentes, como a senda que conectará Pravio con San Pedro ou un programa de atención que se probará no centro de saúde.
Aínda que considera positivas as actuacións anunciadas, Alternativa dos Veciños critica a falta dunha planificación global que permita abordar as necesidades que considera prioritarias para o municipio. Entre as infraestruturas que, ao seu xuízo, continúan pendentes figuran a vía Ártabra, o vial 11-17, o depósito de auga de Sarro e o novo instituto previsto en Lendoiro.
A formación tamén chama a atención sobre problemas cotiáns que, segundo denuncia, non reciben a mesma atención pública. Neste apartado inclúe a creación dun paso peonil que permita conectar o paseo fluvial na Telva, a mellora das beirarrúas en Amil, o financiamento dos servizos de axuda no fogar e a execución dos traballos comprometidos nos centros educativos durante o verán.
O portavoz de Alternativa dos Veciños en Cambre, Raúl Varela Fraguío, defende que os anuncios deben traducirse en actuacións concretas e non quedar en compromisos pendentes. 'Nesta época colmada de hipocresía e publicidade, dende Alternativa seguiremos reclamando para impedir que estes compromisos se queden no papel para volver ser publicidade dentro de catro anos', afirma.
A formación insiste así na necesidade de que os investimentos anunciados conten cunha planificación e se executen para dar resposta ás demandas acumuladas no municipio.