A Xunta proxecta unha senda peonil e ciclista de máis de 1,6 millóns entre Oleiros e Cambre

A Xunta someterá a información pública o proxecto para construír unha senda de uso peonil e ciclista na estrada AC-221, entre os municipios de Oleiros e Cambre, cun investimento previsto superior aos 1,6 millóns de euros. A actuación busca facilitar os desprazamentos a pé e en bicicleta entre a contorna de Vilanova e A Seara, na parroquia oleirense de San Pedro de Nós, e o núcleo do Pastel, en San Xoán de Pravio, en Cambre.
O Consello da Xunta aprobou provisionalmente o proxecto, que se someterá a información pública durante un prazo de 30 días hábiles para os efectos expropiatorios. A previsión do Goberno galego é aprobar definitivamente a actuación e avanzar na súa licitación e execución ao longo de 2027.
A nova senda discorrerá paralela á estrada e permitirá crear un itinerario continuo entre ambos os núcleos. O trazado desenvolverase pola marxe esquerda da vía entre os puntos quilométricos 2+180 e 3+130, nun tramo próximo ao quilómetro de lonxitude, e pola marxe dereita entre os quilómetros 3+320 e 4+200, cun percorrido de 880 metros.
O proxecto contempla unha anchura xeral de 2,5 metros para a senda, ademais de actuacións complementarias para mellorar a drenaxe e recoller as augas pluviais. Tamén se prevé construír 12 muros de pedra para reducir as afeccións ás parcelas lindeiras e habilitar estacionamentos en liña nun tramo da estrada.
Para executar os traballos será necesario expropiar dez parcelas, seis delas situadas no termo municipal de Oleiros e catro no de Cambre. Unha vez completada a tramitación, as obras terán un prazo de execución previsto de doce meses.
A intervención pretende mellorar a seguridade das persoas que se desprazan a pé ou en bicicleta nunha contorna periurbana na que conviven vivendas unifamiliares, terreos agrícolas e tráfico rodado.