Alternativa acusa o alcalde de Carral de evitar respostas no pleno sobre a FP Básica

ACoruñaXa
O grupo denuncia falta de transparencia, ausencia de planificación e que non se permitise votar os acordos propostos na sesión extraordinaria
CARRAL pleno fp
27 Jun 2026

Alternativa dos Veciños de Carral valorou de forma moi crítica o pleno extraordinario celebrado este xoves sobre a implantación da FP Básica de Mantemento de Vehículos no IES do municipio. A formación asegura que a sesión deixou sen resposta as principais dúbidas formuladas pola oposición e pola comunidade educativa.

Segundo Alternativa, o alcalde, Javier Mouriño, non permitiu votar os acordos solicitados no pleno nin deu paso ás quendas de intervención correspondentes dos membros da corporación. O grupo considera que esta forma de proceder impediu aclarar cuestións clave sobre un proxecto que afecta directamente ao futuro do centro educativo.

Entre os puntos que, segundo a formación, quedaron sen resolver está a ubicación do módulo da FP. Alternativa sostén que non existe unha parcela dispoñible nin un expediente municipal iniciado para a súa instalación, malia as declaracións realizadas polo alcalde nos últimos días.

O grupo tamén cuestiona que houbese unha comunicación real coa comunidade educativa. Lembra que o rexedor non asistiu nin ao claustro do profesorado nin ao Consello Escolar, pese a estar invitado polo director do centro.

Alternativa reclama ademais explicacións polo cambio de criterio do Concello respecto ao proxecto defendido pola Asociación Veciñal Val de Culleredo, que propoñía un centro en Sésamo con FP, Bacharelato e ESO para dar servizo a Carral, Culleredo e Cerceda.

'As familias, o profesorado e o equipo directivo merecen información clara e veraz. Este pleno evidenciou a falta de transparencia e de planificación nun asunto de enorme importancia para o futuro do centro educativo', sinalan desde Alternativa.

0.1268630027771