Vito Quiles chega hoxe á Coruña acompañado dunha mobilización antifascista convocada por Galiza Nova en María Pita

GaliciaXa | ACoruñaXa
O comunicador celebrará ás 18.00 horas un acto do seu 'Tour Combativos II', mentres que a organización xuvenil do BNG chama a concentrarse unha hora antes contra o que cualifica de discursos reaccionarios e de odio
VITO QUILES
20 Nov 2026

A praza de María Pita volverá acoller este venres unha convocatoria política e unha protesta en resposta á presenza de Vito Quiles na Coruña. O comunicador incluirá a cidade no seu 'Tour Combativos II', cun acto previsto para as 18.00 horas baixo o lema 'Mafia o patria'. Pola súa banda, Galiza Nova convocou unha mobilización antifascista ás 17.00 horas no mesmo lugar para rexeitar a súa visita.

Quiles anunciou a súa chegada á cidade como parte dunha xira que está a desenvolver por diferentes puntos do Estado. O acto, que coincide coa conmemoración do 20-N, contará tamén coa participación do avogado Xaime da Pena, representante legal do comunicador.

A convocatoria está dirixida, segundo anunciou Quiles, á mocidade e aos 'patriotas' galegos, aos que chama a participar para "4'unir forzas no norte e botar a Pedro Sánchez' nas eleccións xerais do próximo 29 de novembro.

Galiza Nova chama a mobilizarse contra os discursos de odio

A organización xuvenil do BNG convocou unha concentración ás 17.00 horas na praza de María Pita baixo o lema 'O odio non é benvido na Galiza'. Galiza Nova acusa Quiles de acudir ao país para'"insultar e alimentar os discursos de odio e reaccionarios' e chama á mocidade galega a mobilizarse contra as mensaxes que considera ultraespañolistas.

No seu chamamento, a organización reivindica o carácter antifascista de Galicia e anima a participar na protesta coa consigna 'Fronte ao fascismo españolista, mocidade nacionalista organizada!'.

A convocatoria de Galiza Nova non é a única mobilización prevista en resposta á visita. A Coordinadora da Mocidade Socialista anunciou tamén unha concentración ás 16.00 horas na praza de Vigo, desde onde pretende avanzar cara ao lugar do acto. Podemos, pola súa banda, chamou a participar nunha protesta pacífica ás 18.00 horas en María Pita.

Deste xeito, a cidade acollerá varias convocatorias de rexeitamento á presenza do comunicador, con diferentes horarios e puntos de encontro ao longo da tarde.

Unha nova visita política con protestas na cidade

A chegada de Quiles prodúcese despois das mobilizacións rexistradas na Coruña durante o último mes coincidindo con actos de representantes de Vox. A máis multitudinaria tivo lugar o pasado 21 de outubro, durante a visita de Santiago Abascal, cando unha concentración antifascista en María Pita derivou en cargas policiais, detencións e persoas feridas.

Posteriormente, o 31 de outubro, tamén se convocaron protestas coincidindo cun acto no que estaba prevista a participación do eurodeputado Jorge Buxadé. Sen embargo, a visita de José María Figaredo o pasado domingo, non contou cunha mobilización organizada de similares características.

A convocatoria deste venres volve situar María Pita como escenario de mobilizacións políticas contrapostas, nunha xornada na que están previstas tanto a presenza de Quiles como varias protestas contra a súa visita.

0.24038410186768