Jorge Buxadé visitará Ferrol e A Coruña este sábado con dous actos de Vox na provincia

O dirixente de Vox e xefe da delegación do partido no Parlamento Europeo, Jorge Buxadé, estará este sábado, 31 de outubro, en Ferrol e A Coruña, onde participará en dous actos organizados pola formación. A súa axenda comezará pola mañá en Ferrol e continuará pola tarde na cidade herculina, onde a súa presenza coincide cunha convocatoria de protesta contra o partido.
En Ferrol, Buxadé ofrecerá declaracións aos medios de comunicación ás 13:00 horas no Cantón de Molíns. Posteriormente, desprazarase á Coruña, onde participará a partir das 18:30 horas nun encontro con afiliados e simpatizantes na praza de Pontevedra.
ERGuer Convoca unha protesta na Coruña
A visita de Buxadé á cidade herculina estará acompañada dunha mobilización convocada pola organización estudantil Erguer Coruña. A concentración terá lugar ás 16:30 horas nos xardíns de Méndez Núñez, fronte ao Casino, baixo o lema 'Contra o fascismo, nin un paso atrás. Freemos o acto de Vox na cidade'.
A convocatoria busca expresar o rexeitamento á presenza de Vox na cidade e terá lugar dúas horas antes do encontro previsto polo partido na praza de Pontevedra. Erguer fixo un chamamento á participación a través das súas redes sociais.
Os antecendente da visita de Abascal
Esta nova convocatoria prodúcese pouco máis dunha semana despois da visita de Santiago Abascal á Coruña, o pasado 21 de outubro. O presidente nacional de Vox participou entón nun acto na praza de María Pita, ao que responderon miles de persoas nunha concentración convocada por Galiza Nova baixo o lema 'Contra o fascismo españolista, mocidade nacionalista organizada!'.
A xornada estivo marcada polos enfrontamentos entre manifestantes e a Policía Nacional, con cargas policiais, persoas feridas e detidas. Os incidentes provocaron novas mobilizacións días despois: o domingo 25 de outubro convocáronse concentracións nas sete cidades galegas para denunciar a actuación policial. Entre as organizacións que participaron nas convocatorias estaban Galiza Nova, a CIG, o BNG e Erguer.
A presenza de Buxadé este sábado volve situar a Coruña no escenario das protestas contra Vox, mentres que Ferrol acollerá pola mañá o primeiro dos actos anunciados polo partido na provincia.