Unha ruta de 16 quilómetros permitirá descubrir a contorna de Corrubedo

O Concello de Oleiros organizará o vindeiro 20 de xuño unha ruta pola contorna do Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo, dentro do programa 'Andares por Galicia, a Cultura da Natureza'. A actividade busca achegar ás persoas participantes aos valores naturais, sociais e culturais de Galicia, ao tempo que promove hábitos saudables de lecer ao aire libre.
O percorrido, de 16 quilómetros, partirá de Aguiño e internarase na contorna do espazo natural de Corrubedo, desde onde se poderán contemplar diferentes vistas deste enclave. A ruta discorrerá tamén por zonas de bosque de ribeira e permitirá coñecer elementos de patrimonio etnográfico como muíños, lavadoiros e fontes.
Ao longo do itinerario, as persoas participantes pasarán por puntos de interese como a lagoa do Carregal, o Túmulo Pipín, unha antiga mina de wolframio ou o Monte da Lavandeira. A saída rematará no dolmen de Axeitos, un dos monumentos megalíticos máis destacados de Galicia.
A actividade contará con tres guías especializados e ofrecerá 40 prazas dirixidas a persoas maiores de idade. O prezo será de 23 euros e terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros.
As preinscricións abriranse o luns 8 de xuño ás 10.00 horas e realizaranse preferentemente a través da sede electrónica municipal, no apartado de cultura. As persoas que non poidan facer o trámite por esta vía poderán acudir ao centro cultural A Fábrica, en horario de 10.00 a 14.00 horas.
As prazas asignaranse por sorteo entre todas as solicitudes rexistradas entre o luns 8 de xuño ás 10.00 horas e o martes 9 de xuño ás 14.00 horas, mantendo a prioridade para as persoas empadroadas en Oleiros.