Un curso de defensa persoal ensinará técnicas de protección e autodefensa en Miño

A defensa persoal será a protagonista dunha xornada formativa que se celebrará o vindeiro sábado 21 de novembro en Miño. O curso, que terá lugar no ximnasio do CPI Castro Baxoi, ofrecerá ás persoas participantes ferramentas prácticas para aprender a anticiparse a posibles situacións de perigo, actuar ante elas e mellorar a súa seguridade persoal.
A formación combinará técnicas de defensa persoal con contidos centrados na prevención de riscos e no recoñecemento de situacións potencialmente perigosas. Ademais, incluirá un obradoiro práctico sobre o uso do spray de pementa, no que se abordará cando, como e con que precaucións debe utilizarse.
A xornada tamén permitirá coñecer e practicar o manexo doutros dispositivos de autodefensa e seguridade persoal. O obxectivo é que as persoas asistentes adquiran habilidades útiles para a vida cotiá, gañen confianza e dispoñan de máis recursos para reaccionar ante posibles ameazas.
O curso desenvolverase en horario de 10.00 a 13.00 horas. As inscricións deberán realizarse a través da aplicación móbil da ANPA Castro Baxoi. As prazas son limitadas.