Sete concellos unen forzas para reclamar melloras urxentes no transporte metropolitano

Os problemas no transporte metropolitano levaron a sete concellos da contorna de Betanzos a unir as súas reivindicacións para reclamar melloras no funcionamento do servizo. Representantes de Betanzos, Pontedeume, Miño, Oza Cesuras, Paderne, Abegondo e Coirós participaron nunha reunión de traballo convocada pola alcaldesa betanceira, María Barral, co obxectivo de poñer en común as incidencias que afectan aos usuarios.
O encontro serviu para constatar que as dificultades son compartidas por diferentes municipios e que se repiten especialmente nas horas punta. Entre os principais problemas sinalados están a falta de frecuencias suficientes, autobuses que circulan cheos e con pasaxeiros de pé, atrasos e vehículos que non chegan a pasar por determinadas paradas.
Os representantes municipais tamén puxeron o foco na falta de información sobre os tempos de espera. En determinados puntos, os usuarios non poden saber con certeza cando chegará o seguinte autobús ou mesmo se o servizo xa pasou, unha situación que dificulta especialmente os desprazamentos por motivos laborais, educativos ou sanitarios.
Horarios saturados e usuarios que quedan na parada
No caso de Betanzos, María Barral explicou que existen franxas horarias nas que os autobuses chegan ás paradas xa practicamente completos. Isto provoca que, nalgúns casos, pasaxeiros queden sen poder subir por falta de espazo. Pola contra, noutras horas os vehículos presentan unha ocupación moito menor.
A situación ten tamén consecuencias para os concellos da contorna, xa que numerosas persoas de Oza Cesuras, Coirós ou Abegondo utilizan Betanzos como punto de acceso ao transporte metropolitano.
Segundo expuxeron na reunión, as deficiencias do servizo están levando algúns usuarios a optar polo vehículo particular ou, cando non teñen esa posibilidade, polo taxi ou os VTC, cun incremento do gasto para as familias. Tamén se trasladaron casos de persoas que perderon citas médicas ou chegaron tarde aos seus postos de traballo ou centros educativos.
Solicitarán unha reunión coa Xunta
Tras a xuntanza, María Barral anunciou que solicitará unha reunión coa directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, para trasladarlle directamente as demandas dos sete municipios e buscar solucións aos problemas detectados.
A alcaldesa de Betanzos destacou que a reclamación se formula conxuntamente e á marxe das cores políticas, co obxectivo de que sexan atendidas as necesidades das persoas usuarias do servizo.
O Concello de Betanzos lembra ademais que achega o 20 % do custo do servizo, a pesar de que o transporte metropolitano non é unha competencia municipal, e defende que o funcionamento das liñas debe responder ás necesidades reais da poboación.
A reunión serviu tamén para abrir unha vía de colaboración máis ampla entre os concellos da comarca. A alcaldesa avanzou que se convocarán novos encontros nos que estean representados o maior número posible de municipios para abordar outros problemas e necesidades compartidas.