As queixas polo transporte metropolitano reabren o debate sobre a mobilidade na área da Coruña

O funcionamento do transporte metropolitano na área da Coruña volve situarse no centro do debate pola acumulación de incidencias e queixas de persoas usuarias e concellos, que veñen denunciando desde hai meses problemas recorrentes en distintas conexións coa cidade.
Entre as deficiencias máis repetidas figuran a falta de información actualizada nas paradas, os atrasos habituais, a insuficiencia dalgúns horarios, sobre todo a primeira e a última hora do día, e a saturación de determinadas liñas en momentos de gran demanda. Esta situación provoca que, en ocasións, os autobuses cheguen sen prazas libres e deixen viaxeiros en terra en varios puntos da comarca.
As críticas apuntan tamén á escasa adaptación do servizo aos cambios sociais e de mobilidade rexistrados nos últimos anos. Entre as demandas máis frecuentes aparecen a necesidade de mellorar as conexións coa Universidade, cos polígonos industriais, co Chuac e co aeroporto, ademais de reforzar as rutas que comunican os núcleos máis poboados da contorna coa cidade herculina.
Nalgúns puntos do cinto metropolitano, especialmente en horas punta, a acumulación de usuarios converte certas paradas en espazos nos que subir ao autobús non sempre está garantido. A esta realidade engádense as dificultades que poden atopar persoas con problemas de mobilidade ou familias con carriños de bebé, que en ocasións deben agardar por outro servizo ante a falta de espazo ou de vehículos adaptados ás necesidades reais da demanda.
Fronte a estas críticas, a Xunta defende o peso do contrato metropolitano da área da Coruña dentro do conxunto de Galicia. Segundo os datos achegados pola Administración autonómica, trátase da concesión con máis servizos da comunidade, con máis de 210.000 ao ano, 109 liñas, máis de 3.200 paradas e arredor de cinco millóns de persoas viaxeiras rexistradas durante o pasado exercicio.
Desde a Administración galega tamén se sostén que a capacidade media do sistema é suficiente para responder á demanda habitual e que xa se foron incorporando algunhas melloras puntuais atendendo a peticións municipais, como reforzos estacionais ou axustes en certas rutas e horarios. Con todo, insiste en que calquera cambio debe responder a criterios técnicos e ser compatible cun funcionamento estable do servizo.
Malia esa defensa da oferta actual, o malestar segue presente en boa parte da comarca, onde a percepción de moitos usuarios é que o sistema non está a responder con axilidade ás necesidades reais de mobilidade diaria. O debate mantense así aberto entre quen considera que a rede precisa unha revisión profunda e quen aposta por introducir melloras progresivas sen alterar o equilibrio do servizo.
No caso de Betanzos, as protestas intensificáronse nos últimos días tras novas incidencias nas conexións con A Coruña. Entre as queixas figura a ausencia dalgún servizo de primeira hora, a falta de información nas paradas e a escaseza de prazas nalgunhas frecuencias, unha situación que volveu poñer o foco sobre os problemas do segundo anel metropolitano.