Paderne celebra unha festa polos 15 anos do seu Fogar do Maior

ACoruñaXa
O Concello celebrarao cun xantar no Restaurante El Pantano que continuará cunha tarde de música, baile e agasallos
Paderne - fogar do maior
Paderne - fogar do maior
28 ene 2024

O Concello de Paderne celebrará o XV aniversario da apertura do seu Fogar do Maior cunha gran festa o próximo venres 9 de febreiro. O evento, dara cita a toda a veciñanza que teña 65 ou máis anos, trátase dun xantar no Restaurante El Pantano que continuará cunha tarde de música, baile e agasallos.

O motivo da celebración é festexar os 15 anos que o espazo comunitario leva atendendo ás persoas máis veteranas do municipio. “Unha das apostas deste equipo de goberno é o benestar das persoas maiores. Tras reiniciar os servizos de adestramento de memoria e podoloxía, facemos unha proposta de actividade comunitaria, coincidindo co aniversario de apertura do Fogar do Maior”, apunta o alcalde, Sergio Platas.

Precisamente por iso, o Concello puxo en marcha xa o sistema de reservas para apuntarse a este evento. As persoas interesadas poden confirmar a súa asistencia nos Servizos Sociais da Casa Consistorial de xeito presencial ou chamando ao 981 797 001. O prazo límite para pechar esta reserva é o venres 2 de febreiro.

O prezo por asistir é de 30 euros e inclúe a laconada completa no restaurante, con viño, refrescos, auga, café e sobremesa de Entroido, pero tamén o servizo de autobús para acudir ao restaurante. O autocar partirá ás 10:30 horas do Concello e irá facendo paradas polas parroquias para recoller ás persoas que se apunten.