Oza Cesuras ofrecerá un obradoiro de defensa persoal para mulleres con motivo do 25N

O Concello de Oza Cesuras conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra cada 25 de novembro, cunha actividade dirixida especificamente ás mulleres: un obradoiro de defensa persoal no que poderán adquirir ferramentas prácticas para afrontar posibles situacións de risco.
A sesión desenvolverase este mércores, 25 de novembro, no pavillón de Oza, en horario de 19:45 a 21:15 horas. A actividade estará impartida por un profesional e ten como finalidade achegar ás asistentes coñecementos e recursos básicos de autoprotección que lles permitan reaccionar ante situacións nas que poida estar en perigo a súa integridade.
Ademais da aprendizaxe de técnicas de defensa persoal, o obradoiro pretende contribuír a reforzar a seguridade e a confianza das mulleres, ofrecéndolles ferramentas que poidan resultarlles útiles no seu día a día.
As prazas dispoñibles son limitadas, polo que terán prioridade as mulleres empadroadas no Concello de Oza Cesuras.
Con esta proposta, o Concello suma unha nova acción ás iniciativas de prevención e sensibilización vinculadas ao 25N. A través deste tipo de actividades, o goberno local busca fomentar a autonomía e o empoderamento das mulleres, así como promover recursos que contribúan á súa protección e á loita contra a violencia de xénero.