Os restos dun veciño de Bergondo asasinado en 1938 regresan a Galicia 88 anos despois

ACoruñaXa
Gerardo Gómez Lorenzo foi identificado tras a exhumación dunha fosa en Navarra e será enterrado xunto á súa familia no municipio
BERGONDO corpo gerardo
17 Sep 2026

Os restos de Gerardo Gómez Lorenzo, veciño de Bergondo asasinado en 1938 tras participar na fuga do forte de San Cristóbal, regresarán a Galicia despois de ser identificados mediante un estudo xenético. A súa familia recibiu esta semana os seus restos nun acto celebrado en Pamplona, case nove décadas despois da súa morte.

Gerardo Gómez Lorenzo naceu en Bergondo o 24 de setembro de 1916. Era solteiro e traballaba como carpinteiro. Ingresou no forte de San Cristóbal o 14 de xuño de 1937 e permaneceu alí ata a fuga de maio de 1938, considerada a maior fuga carceraria da historia de España.

Tras a fuxida, foi executado polas forzas franquistas e enterrado nunha fosa situada nas proximidades de Leranotz, no municipio navarro de Esteríbar.

Unha fosa localizada grazas aos veciños de Leranotz

O corpo de Gerardo foi exhumado o 22 de maio de 2018, coincidindo co 80 aniversario da fuga. A localización da fosa foi posible, en parte, grazas á colaboración dos veciños de Leranotz.

Un deles, xa falecido, sinalara con precisión o lugar no que se atopaba a fosa. Durante anos, os habitantes da zona tamén se encargaron de manter accesible a contorna e conservar a memoria das persoas asasinadas alí.

Durante a visita realizada o pasado domingo, os familiares de Gerardo puideron coñecer o lugar no que foron atopados os seus restos e reunirse cos veciños da localidade. Un dos testemuños lembrou ademais como a súa avoa falaba de ter dado de cear durante os días da fuga a 'dous galegos moi guapos', en referencia a Gerardo e a Jesús Esteban Lorenzo, cuxos restos tamén foron identificados recentemente noutra fosa próxima.

A investigación permitiu confirmar a súa identidade

No proceso de investigación tivo un papel destacado o historiador Fermín Ezkieta, que ofrecera o ano pasado unha conferencia na A Senra sobre a fuga de San Cristóbal.

A partir das súas investigacións foi posible conectar a árbore xenealóxica de Gerardo con familiares residentes en Arxentina. Posteriormente, un estudo xenético permitiu confirmar que os restos recuperados en Leranotz correspondían ao veciño de Bergondo.

Tamén resultou determinante un obxecto recuperado durante a exhumación: un anel coas iniciais 'G G', que apareceu xunto ao corpo e contribuíu ao proceso de identificación.

A memoria da fuga tamén se mantén a través de iniciativas como a guía topográfica GR-225, de Javier Rey Bacaicoa, que percorre en catro etapas o itinerario histórico desde o forte de San Cristóbal ata Urepel, xa en Francia, seguindo os pasos de quen participaron na fuxida.

Entrega dos restos á familia

A entrega tivo lugar o luns no recentemente inaugurado 'Rozalejo, Espazo de Memoria e Convivencia', no casco antigo de Pamplona. A vicepresidenta segunda do Goberno de Navarra e conselleira de Memoria e Convivencia, Acción Exterior e Euskera, Ana Ollo, fixo entrega dos restos aos familiares de Gerardo Gómez Lorenzo e Jesús Esteban Lorenzo.

No acto participaron tamén representantes parlamentarios, da Comisión Técnica de Coordinación en materia de Memoria Histórica, asociacións memorialistas e os equipos técnicos da Sociedade de Ciencias Aranzadi e do laboratorio Nasertic, ademais do Instituto Navarro da Memoria e da Dirección Xeral de Memoria e Convivencia.

As familias viviron o momento con sentimentos encontrados, entre a satisfacción de poder confirmar finalmente o paradoiro dos seus familiares e o recordo de quen faleceron sen chegar a coñecer que ocorrera con eles.

Posteriormente, os asistentes visitaron a exposición 'Os obxectos da memoria', que reúne materiais recuperados en diferentes exhumacións realizadas en Navarra.

Os restos serán enterrados en Bergondo

Segundo informou o Concello de Bergondo, os restos de Gerardo Gómez serán trasladados agora a Galicia. Está previsto que sexa enterrado en Bergondo xunto á súa familia nun acto privado.

A alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, agradeceu a colaboración das institucións, dos equipos técnicos, das asociacións memorialistas e, especialmente, dos veciños de Leranotz e do historiador Fermín Ezkieta durante o proceso de localización e identificación.

O caso de Gerardo forma parte dun traballo de recuperación dos represaliados da fuga de San Cristóbal. Segundo os datos facilitados polo Concello, 53 corpos foron entregados ata agora aos seus familiares despois de seren exhumados e identificados, mentres que se abriron 444 expedientes de persoas represaliadas relacionados con esta zona.

A identificación de Gerardo Gómez Lorenzo pon así fin a décadas de incerteza para a súa familia e permite que os seus restos regresen finalmente ao municipio no que naceu.

0.10900497436523