Os nenos saharauís do programa Vacacións en Paz reciben a benvida institucional no Concello de Oleiros

ACoruñaXa
O alcalde recibiu na Casa do Concello aos menores acollidos por familias do municipio e agradeceu a solidariedade das persoas participantes na iniciativa
OLEIROS nenos saharaguis
7 Aug 2026

O Concello de Oleiros recibiu este xoves na Casa do Concello ao grupo de nenos e nenas saharauís que pasan o verán no municipio a través do programa Vacacións en Paz, promovido pola ONG Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

O alcalde, Ángel García Seoane, e a concelleira de Cooperación, Marga Figueroa Vázquez, mantiveron un encontro cos menores, interesándose pola súa experiencia durante a estancia en Oleiros e trasladándolles unha agarimosa benvida, ademais de desexarlles o mellor para o futuro.

Durante a recepción, o rexedor tamén quixo recoñecer a implicación das familias que participan no programa, agradecendo a súa solidariedade ao abrir as portas dos seus fogares durante os meses de verán para acoller aos nenos e nenas procedentes dos campamentos de refuxiados saharauís.

O programa Vacacións en Paz permite que os menores pasen o verán lonxe das duras condicións climáticas do deserto, ao tempo que realizan revisións médicas, participan en actividades de lecer e conviven con familias galegas.

O Concello de Oleiros lembrou ademais o seu compromiso histórico co pobo saharauí. Ademais de colaborar desde os seus inicios con este programa de acollida, a administración local participou ao longo dos anos en diferentes campañas de apoio ao Sáhara Occidental e de defensa do dereito de autodeterminación e independencia do pobo saharauí.

0.14179992675781