Os campamentos urbanos de verán abren prazo en Cambre entre críticas pola falta de detalles pedagóxicos

A campaña de inscrición dos campamentos urbanos de verán de Cambre xa está en marcha. O Concello abriu o prazo do 14 ao 30 de abril para unha actividade dirixida ao alumnado de 2º ciclo de infantil, primaria e 1º da ESO, que se desenvolverá en xullo e agosto no CEIP Wenceslao Fernández Flórez. A programación establece quendas, un mínimo de 20 prazas e un máximo inicial de 126 por período, ademais de diferentes modalidades horarias e servizos complementarios como mañanceiro, almorzo e comida.
A información municipal publicada recolle con detalle as cuestións organizativas. O documento oficial fixa horarios que van das 7.30 ás 16.30 horas, explica o sistema de inscrición, os criterios de admisión, as datas de publicación das listaxes e as tarifas segundo modalidade e quenda. Porén, no apartado referido ao contido da actividade, a descrición queda reducida a que os participantes realizarán actividades 'lúdico-deportivas e culturais' e que se organizarán en grupos de 14 menores por idades co seu monitor ou monitora, sen que se desenvolva un proxecto pedagóxico máis amplo nin unha planificación educativa concreta das xornadas.
Esa falta de desenvolvemento sobre o enfoque educativo é a que está a centrar agora a polémica. Alternativa dos Veciños sostén que os campamentos son unha das principais ferramentas públicas de conciliación do verán no municipio, pero defende que, polo número de horas que pasan nel os menores, tamén deben presentarse como unha actividade de educación non formal cunha orientación pedagóxica clara. O grupo considera insuficiente que a información oficial se limite á parte administrativa e anuncia que pedirá explicacións ao goberno local para que os canles municipais publiquen datos máis completos sobre o contido das xornadas.