Os bonos comercio de Betanzos xeran máis de 50.000 euros en compras e esgotan os fondos en nove días

A campaña de bonos comercio de Betanzos conseguiu mobilizar máis de 50.000 euros en compras e esgotou os 10.000 euros de crédito municipal dispoñible en apenas nove días. A iniciativa, impulsada polo Concello para dinamizar o pequeno comercio, permitiu multiplicar por cinco o valor dos fondos públicos destinados a incentivar o consumo nos establecementos locais.
Ao longo da campaña descargáronse un total de 1.260 bonos e participaron 53 comercios de diferentes sectores. Entre eles había negocios de téxtil e calzado, perfumaría, equipamento do fogar, librarías, xoierías, xoguetarías, artigos deportivos, florarías e salóns de peiteado e beleza. En 46 dos establecementos participantes utilizouse o bono nalgunha ocasión, polo que a maioría dos negocios adheridos conseguiron vendas a través desta iniciativa.
A alcaldesa, María Barral, valorou moi positivamente os resultados e destacou o impacto da campaña como ferramenta de apoio ao comercio de proximidade. A rexedora lembrou que, durante a presentación, definira o comercio local como 'moito máis que unha actividade económica: é un servizo esencial e un elemento vertebrador da vida social do noso concello'.
O balance resulta especialmente significativo nun mes que, segundo apunta o Concello, non adoita ser favorable para o comercio local polo histórico das vendas. As compras realizadas cos bonos superaron os 50.000 euros, fronte aos 10.000 euros de achega municipal, o que permitiu incentivar o consumo por un importe case cinco veces superior ao investimento público.
Un novo formato para impulsar as compras locais
A campaña incorporou este ano un cambio no sistema de descontos: os bonos substituíron as tarxetas utilizadas en edicións anteriores. Segundo explica o Concello, a modificación responde ao bo funcionamento de programas similares promovidos pola Deputación e pola Xunta.
A iniciativa forma parte do programa municipal de apoio ao comercio, que mantén tamén unha colaboración permanente coa hostalaría local. O obxectivo era ofrecer un incentivo para que persoas maiores de idade, independentemente do seu lugar de residencia, se achegasen a Betanzos para realizar as súas compras.
Barral defendeu a importancia de manter este tipo de medidas para fortalecer o tecido económico local e promover hábitos de consumo responsables. 'Apostar polo comercio de proximidade é apostar por un consumo responsable e de calidade, e tamén por un concello máis resistente e con máis capacidade de resposta ante as dificultades económicas', sinalou.