O comercio local de Betanzos contará con bonos desconto de 25 euros a partir do 2 de novembro

O pequeno comercio contará desde o próximo luns 2 de novembro cunha nova campaña de apoio impulsada polo Concello para fomentar as compras nos establecementos locais. O programa ofrecerá bonos dixitais por valor de 25 euros ás persoas maiores de idade, independentemente do seu lugar de residencia, e contará coa participación de 53 negocios de distintos sectores.
A alcaldesa, María Barral, presentou este mércores a iniciativa, na que participan comercios de ámbitos como o téxtil e o calzado, a perfumaría, o equipamento do fogar, as librarías, as xoierías, as xoguetarías, os artigos deportivos, as florarías e os salóns de peiteado e beleza.
Durante a presentación, Barral destacou que o comercio local é 'moito máis ca unha actividade económica: é un servizo esencial e un elemento vertebrador da vida social do noso concello'. Neste sentido, explicou que a campaña se suma a outras iniciativas desenvolvidas nos últimos anos para fomentar as compras nos negocios de proximidade. En edicións anteriores empregáronse tarxetas e, nesta ocasión, optouse polos bonos comerciais, un formato que xa funciona noutros programas promovidos pola Deputación e pola Xunta.
Descontos de ata 15 euros por compra
Cada persoa poderá dispoñer dun único bono dixital cun valor total de 25 euros, que poderá utilizar nun ou en varios establecementos adheridos. O desconto aplicarase directamente no momento de pagar, polo que a clientela só terá que aboar o importe final da compra.
Os descontos, co IVE incluído, serán de cinco euros para compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30; de dez euros para compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50; e de 15 euros para compras iguais ou superiores a 50 euros. Este último será o desconto máximo que se poderá aplicar nunha única operación.
Os bonos estarán dispoñibles na páxina web desde as 10:00 horas do 2 de novembro. Poderán utilizarse ata o 2 de decembro ou ata que se esgote o orzamento de 10.000 euros, o que ocorra primeiro.
O formato será dixital, mediante un código QR que se poderá gardar en aplicacións de pagamento como Wallet. Os bonos non poderán utilizarse para adquirir tarxetas agasallo, vales ou produtos similares, nin para realizar compras por internet, xa que o obxectivo é que o consumo se manteña nos establecementos físicos do municipio.
Unha campaña para impulsar as vendas antes do Nadal
A iniciativa foi presentada ás asociacións de comerciantes, coas que tamén se acordaron as datas da campaña. A elección de novembro responde a que se trata dun período máis complicado para o comercio, ao situarse antes da campaña do Nadal e rexistrar habitualmente menos vendas.
A alcaldesa destacou o esforzo municipal para manter unha colaboración permanente co sector, tanto mediante iniciativas deste tipo como a través doutros programas de apoio e actividades municipais das que se benefician o comercio e a hostalaría.
'Queremos que todas as persoas maiores de idade, vivan onde vivan, teñan un motivo máis para vir mercar e descubrir o que ofrecen os nosos comercios', afirmou Barral. A rexedora engadiu que apostar polo comercio de proximidade supón fomentar un consumo responsable e de calidade, ademais de reforzar a capacidade do municipio para afrontar as dificultades económicas.
A relación completa dos establecementos participantes pode consultarse na web da campaña. Os negocios adheridos disporán dunha aplicación habilitada pola entidade colaboradora para trocar os bonos e consultar o historial de vendas.
Para resolver dúbidas, tanto a cidadanía como os comerciantes poden consultar a páxina web ou chamar ao teléfono de información xeral do Concello, o 981 770 011.